



O último que se abandona nalgúns pazos de Padrón son os xardíns, que son como a dignidade postreira do lugar. Alguén -se cadra antigos caseiros-, cada dous meses recorta setos, evita que por fin a natureza devore as ruínas dos deliciosos xardíns que xa ninguén disfruta. É unha teima emocionante. O resto, os edificios, a cantería, vanse enchendo de verdín. Moitos xa foron vendidos hai décadas; de aquela, os fidalgos arruinados aos que aínda lles ficaba algo de orgullo arrincaban os escudos das paredes e portalóns da propiedade vendida e levábannos con eles a non sei onde. Iso contoumo -chorando- un fidalgo lugués ao que entrevistei o día que asinou a venda do solar dos seus devanceiros.
É sábado pola mañá e chove moito. Chove, como diría unha amiga, “como cando eramos pequenos”. E decidimos ir, nesta mañá de sábado, a visitar os pazos sen nome, abandonados, de Padrón e da comarca. O concello concentra un gran número de casas solariegas: magnates e aristócratas de Santiago e das rías. O Padrón do Antigo Réxime, a súa fertil veiga, era rico. Por desgraza, Padrón debe ser dos concellos que menos coidou ata agora do seu patrimonio. As fortunas marcharon, algúns pazos se venderon e outros ficaron enredados no sarillo das herdanzas.
Chegou o abandono, entón. As súas cancelas pecháronse nos 60 ou 70, e aínda non son xunglas de silveiras. Convértense en niños de amor dos amantes padroneses que non dispoñen de cama propia. A estes solares abandonados vense a folgar -sentido medieval do termo-, e os pavimentos pétreos das solainas están recubertos de látex. Nunha esquina da solaina do pazo de Santa Cruz, os amantes acumulan preservativos usados nunha montaña primorosamente medida de proporcións abraiantes. Nun sofá vello hai unha manta para as ocasións máis frías. Teño a sensación, polo primor co que está construída a pirámide de condóns usados, de que sempre son a mesma parella de amantes que acoden, ano tras ano, todos os sábados. Emanciparse debe estar difícil.
Abaixo, adegas, cadeiras, revistas agropecuarias -Valencia avícola-, e infinidade de libros beatos, como en todos os pazos que teño visitado. Coa chuvia, unha fiestra treme e bátese. Noutra, aínda vexo ese espello cravado na contra no que os vellos se miraban coa primeira luz do día. Teño os pés e os pantalóns empapados, mollados de pisar fiunchos, chuchameles, enredadeiras, onde non deberan estar. A estes pazos devóraos a terra que os viu nacer.
Comemos en Casa Ramallo, coas receitas da antiga comida que elaboraron nos fogóns deses solares. Galiña en pepitoria, lombo con mazás e castañas. Chove nesta veiga enchoupada de Padrón.

Manuel Gago é xornalista e profesor universitario. 


{ 2 comments… Le abaixo ou engade o teu }
Amig@ blogueir@: Queremos informarte da Xuntanza de blogueiros que terá lugar en Agolada (Pontevedra) o día 31 de maio de 2008. Gustaríanos contar coa túa presenza.
Agradecémosche que lle deas publicidade ao evento desde a túa páxina. Se o tes a ben coloca o logo da xuntanza nun recanto do teu blog.
Para máis información:
http://blog-xuntanza.blogspot.com
Xa coloquei un banner na miña barra lateral, Manuel. Grazas por avisar e moita sorte coa organización!
Deixa un comentario