Josephine Baker, a creadora da Tribo do Arco da Vella

18 Abril, 2008


Josephine Baker no seu famoso traxe de bananas.

Josephine Baker, a enorme Josephine Baker, é unha destas personaxes das que un sen lembra moitas veces sen saber por que nin vir ao caso, así que hoxe quero esconxurar a súa memoria contando aquí a súa historia. O primeiro que coñecín dela foi a súa voz: na banda sonora de Odette: una comedia sobre a felicidade escoitábase un pegadizo mambo cantado por ela. Cando comezamos a investigar sobre aquela pegadiza canción, o primeiro que nos atopamos, no Youtube, paradoxicamente, foi un vello metraxe sen audio dunha película do ano 27, extraído da película La Meme, e no que aquela Josephine Baker facía un baile tan estrambótico, raro e tolo que era difícil de crer:

O certo é que a Baker tiña poderosos motivos para protagonizar unha película: tiña toda a sona da Europa dos tolos 20 para facelo.

Fuxira do seu Sant Louis natal, nos Estados Unidos, de adolescente, farta do racismo local, buscando horizontes non segregacionistas. Tras unha breve estancia en Nova York, a Baker recalou en París, onde arrasou -literalmente- cun espectáculo de variedades chamado La Revue Negre. París, nos anos 20, era unha festa continua, cheo de locais noturnos, espectáculos, e xente con ganas de gañar o tempo perdido trala serie de desgrazas da I Guerra Mundial. Baker ofrecíalles iso: unha vida tola, un espectáculo sen límites para a época, cheo de estereotipos sobre o exotismo, sen complexos aparentes. Se non, non hai máis que mirar os títulos das tres películas que rodou: a Serea dos Trópicos (1927), Zouzou (1934) e Princesse Tamtam (1935), recollendo o típico argumento cómico das diferencias culturais -despois repetido ata fartar no cinema hollywoodiense-, da aristócrata africana que chega a Europa e as confusións derivadas de tal feito. O estraño erotismo e arrasadora persoalidade da Baker ergueu paixóns por todo o continente.


Baker aproveitándose dos estereotipos no espectáculo La Plantation

Algúns activistas negros, desde os Estados Unidos, recrimináronlle que empregara e perpetuara determinados estereotipos raciais (o do traxe de bananas nunha norteamericana de Sant Louis?), pero o certo é que a estrela nunca tolerou que lle deseñaran a carreira, e sempre mantivo moi claras as súas posturas a favor da interracialidade e as súas posicións públicas: ela aproveitouse deses estereotipos e transformounos na súa plataforma, o cal é un xeito bastante intelixente de subvertelos. Tal é así que a súa propia vida é unha proclama: adoptou doce orfos de diferentes razas (coreanos, xaponeses, colombianos, finlandeses, canadenses,xudeus, arxelinos,venezolanos, franceses…). A peculiar familia chamouse a Tribo do Arco da Vella, cos que vivía no seu Château de Milandes. A súa pertenza á Resistencia durante a ocupación nazi valeulle a Lexión de Honra. Ao final da súa vida era unha gran dama do espectáculo francés, xa sen bailes estrambóticos, aínda que sen dúbida seguía sendo ela: este é un espectáculo en Londres en 1974:

Baker morreu como morren as grandes. O día despois dunha gran gala conmemorativa, foi atopada inconsciente -estaba en coma-, na súa cama, cun gran feixe de xornais con críticas do espectáculo da noite anterior sobre as sabas.

{ 1 … Le abaixo ou engade o teu }

1 Herr Graf Ferdinand Von Galitzien 20 Abril 2008 at 8:41 pm

Mein lieber Herr Gago:

É sempre un pracer comprobar coma mesmo as novas xeracións de melenudos ( no seu caso, unha efímera e lonxana lembranza… ) de cando en vez rescatan do esquecemento a grandes artistas ademáis de grandes referentes, do século pasado.

Lamentábelmente a carreira cinematográfica silente de Dame Baker ( paixón e debilidade cinéfila recoñecida e notoria deste seu Herr Graf ), non é que sexa moi destacábel en termos artísticos, ainda que neste caso, son nimios pecados de mocidade que se perdoan doadamente.

Ou coma se non se podería xustificar un filme coma “La Revue Des Revues” (1927), un resumo, un compendio dos mais exitosos números de “music-hall” das tolas noites de París ( ainda que daquela éste seu Herr Von frecuentaba as tolas noites berlinesas de Weimar, hai que recoñecer que as noites parisinas eran igualmente moi decadentes… ), ou o que é o mesmo, facer un filme musical… ¡¡mudo!!… no que sobrancea de xeito especial, entre diversos números e actuacións musicáis, a aparición frenética de Dame Baker, sen esquecer igualmente “La Sirène Des Tropiques”, un filme encol dos tópicos dos trópicos, unha pésima mestura de diversos xéneros cinematográficos moi mal dosificados, na que de novo, a engaiolante presenza de Dame Baker fai esquecer o “amateurismo” do director presente durante todo o filme, pagando a pena outra volt e pra os confesos admiradores da xenial artista americana de adopción afrancesada, os planos que protagoniza Dame Baker bailando o charleston, ese engaiolante baile mesmo pra éste aristócrata xermánico moito máis afeito ó conservador, acompasado e mareante vals.

Herr Graf Ferdinand Von Galitzien

Deixa un comentario

Podes usar estes HTML tags e atributos: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>