
Fotos: Sole
Non, non é Hobbiton, a capital da Comarca hobbit no Señor dos Aneis, aínda que o pareza; máis ben son as adegas telenas características que se concentran á entrada de Jiménez de Jamuz, un pequeno pobo próximo a La Bañeza, onde se atopa un lugar moi especial: o Asador El Capricho. El Capricho está especializado en carnes vermellas, carnes de animais vellos, de máis de dez anos, que pasaron toda a vida a traballar. Aquí aínda se poden apreciar sabores, texturas, infiltraciones de grasa, sabores minerais na carne que están a desaparecer, que desapareceran en breve. Esta carne de bestas enormes, de vellas vacas e bois mirandeses, leoneses ou galegos, madura nun lento proceso de corenta ou cincuenta días, en adegas soterradas, en escuridade, sen conxelación. E así conséguense sabores únicos na carne.
O seu propietario, José Gordón, publica no semanario local, coma se fora un bando, unha detallada descrición de cada un dos animais que maduran na adega, e cando se abrirán e porán á venda no restaurante. Son carnes únicas que xa mesmo mereceron mesmo unha galería fotográfica na revista Time (aínda que a xornalista fale de que este restaurante se atope no Basque Country, iso si que é non cheirala).

As mesas de El Capricho atópanse na adega subterránea, na que as cavidades permiten albergar as mesas, e as táboas destas teñen a cor alterada por todos os braseiros quentes que os camareiros deixan durante anos para manter a carne quente. Os clientes poden escoller entre dous menús degustación que combinan setas -insólitas variedades raras de tempada-, tortillas ou revoltos, e carnes. O menú “Crisis” anda nos 20 euros, e o de degustación nos 35. Tamén se pode comer á carta, e cando coincide cando se abre un deses animais que atopa Cordón por eses montes do noroeste, tamén se ofrecen ás mesas, aínda que adoitan ter prezos estratosféricos (50 ou 60 euros/quilo). Unha alternativa moi interesante dentro do paramo gastronómico que ás veces supoñen as estradas Galicia - Madrid, xa que queda na A6 na saída 303 en La Bañeza. A localización está publicada no interior do post.
El Capricho. Jiménez de Jamuz. Paraje Las Bodegas. Teléfono: 987 66 42 24, o fin de semana reservade antes. Coñecino grazas a Pisto y no Pisto.



Manuel Gago é xornalista e profesor universitario. 





{ 1 … Le abaixo ou engade o teu }
Solo una aclaración, la periodista si que sabía donde está Jiménez de Jamuz:
“El Capricho, a restaurant near the tiny town of Jiménez de Jamuz in the northwestern province of León”
Lo que pasa es que fué desde san sebastián hasta León comiendo chuletones por todo el país. Los de Time al editar el texto lo dejaron un poco cojo y de ahí la confusión.
un saludo
Deixa un comentario