Armariz: paseos entre o esquecemento

13 Abril, 2008


Fotos: Sole


Unha capela abandonada


Peto de ánimas de Eiradela (nota: elimineille o poste da luz e os cabos que lle facían “xogo”)

Armariz, unha parroquia de Nogueira de Ramuín de nome contundentemente sonoro. A confluencia entre estes tres concellos ourensáns: Esgos, Pereiro de Aguiar, Nogueira de Ramuín, dá lugar a paisaxes fantásticas, de picos pétreos recortados entre os bosques de flora autótona, os innumerábeis regatos que caen en pequenas fervenzas entre o granito. Nas proximidades do mosteiro de San Pedro de Rocas, as coníferas son tan tupidas, por exemplo, que no interior do bosque é de noite (non é esaxeración, nin poesía, é verdade).

Armariz é unha destas parroquias da Ribeira Sacra máis descoñecida, próxima ao cenobio. Ábrese como un verdísimo val que, na súa parte norte, é esta vizosa fraga. O val presídeo a Reitoral de Armariz, desde un alto, sobre a igrexa. Tras deixar as maletas nela, miramos desde o xardin o horizonte boscoso, e botámonos a el a andar sen rumbo. Pero nas fragas, os rumbos márcanos os camiños que crean unha capa labiríntica e invisíbel baixo as árbores. Non sabiamos cara onde iamos, chovía a eito, fría chuvia de abril. Entre soutos e fragas que son inverno e primavera ao mesmo tempo, aparecen misteriosas capelas esquecidas e ruinosas no bosque, que só intúes entre a camuflaxe dese carrizo fosforescente que coloniza as ponlas dos carballos. Un merlo acompáñanos coma un can, curioso e imprudente desde a capela misteriosa. E déixanos cando uns cans de Covelo -Sole non o sabe, pero están aí detrás, todo o tempo, agachándose nas voltas do camiño-, aparecen para subir connosco ata a Eiradela, e así apreciarmos petos de ánimas tan fermosos coma os da foto, unha xoia da arte popular. Como comentábamos hai un post, son estes camiños as veas da nosa cultura; paseos fermosos fóra das rutas de sendeirismo, que un asume probar como unha ruleta de fortunas. E nada mellor que perderse por eles, sen saber onde chegar nin ir, para apreciar os seus detalles máis fermosos, nun paseo lento e a contrarreloxo, que contradición!

Localización do paseo no interior do post.


Ver mapa más grande

{ 1 … Le abaixo ou engade o teu }

1 Xavier 13 Abril 2008 at 10:49 pm

A mín xa me estranaba que na foto non houbera cableado e algún poste da luz!!!

Deixa un comentario

Podes usar estes HTML tags e atributos: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>