
Establecemento Juanicó (Uruguai)
Con frecuencia, en Europa admítese tanto o futuro brillante dos viños do Novo Mundo (entendido este como esa ignota franxa que parece ir de Australia, pasando por Sudáfrica ata chegar ao Mendoza, Chile e ao val de Napa, en California) como moitas das súas sombras actuais: alentados por enormes viñedos e terras de bonanza, son moitos os que critican esa actual e pretendida produción masiva de viño, que flutua en sabores, cores, etiquetas e variedades en función dos intereses do mercado, das modas, das críticas do último gurú norteamericano e das decisións unicamente comerciais. Aparentemente desprovistos de cultura, de tradición (a tradición é o máis fráxil que coñezo, se nos poñemos a acabar con ela non dura nin unha xeración), e mesmo de certo concepto ancestral de terroir, o Novo Mundo é como unha bomba masiva de embotellado de Cabernets e Merlots aos gustos de Wine Spectator, en enormes adegas destinadas a xerar un viño doado de consumir e de sabor gratificante, sinxelo e perfectamente controlado en laboratorio.
Por suposto, aínda que haxa moito de certo nisto, non é menos verdadeiro que os interesados en que se teña esa visión das novas zonas vinícolas son os que se sinten agredidos polo seu auxe. En realidade, moitas adegas do Novo Mundo están a dar importantísimos pasos na produción de viños de calidade. Uruguai, por exemplo, é un observatorio excepcional para vislumbrar un novo modelo americano de elaboración de caldos; de masivas plantacións das variedades internacionais, os elaboradores orientais andan a buscar a diferenciación. Tentan crear, por exemplo, imaxe de marca -en realidade, case de terroir- explotando e experimentando con tannat, unha contundente variedade de procedencia pirenaica que se dá especialmente ben nas proximidades de Montevideo.
Nos últimos meses tiven oportunidade de probar, grazas á investigada maleta traída por Sole de América, dous viños coidados, de producións mínimas, e que son cada un deles xoias enolóxicas á súa maneira. O Filgueira Sauvignon Gris 2006, por exemplo, sen dúbida un dos mellores brancos do novo mundo que teño probado. A Casa Filgueira -como vedes polo apelido, fundada por inmigrantes de procedencia bávara-, mantén un viñedo da escasísima sauvignon gris; en todo o mundo só parece que hai 50 hectáreas, e os Filgueira manteñen un 5% da produción mundial. O viño é amplio, xeneroso, complexo en boca e lixeiro ao mesmo tempo.
O outro viño interesante que probei é doutra das grandes adegas uruguaias, a Hacienda Juanicó, da Familia Deicas, elabora o que debe ser un dos primeiros viños con botrite do Novo Mundo. Os viños con podremia noble dan un traballo de coidado. Teñen que estar en espazos e climas moi determinados, que permiten controlar o proceso polo cal a uva se vai infectando polo fungo, e as uvas recóllense unha a unha en diferentes fases, segundo vai avanzando a colonización da botrite cirenea. Ese é o proceso de elaboración do viño noble máis famoso do mundo, o Sauternes, cultivado ao sur de Burdeos. Apostar por eses viños tan coidados, caros, que obrigan a unha continua supervisión do viñedo, parecía patrimonio dalgúns agricultores europeos. Pero en Uruguai tamén comezan a experimentar con isto. Eu probei o Botrytis Noble 2000, e xa prometía, aínda que lle falta o corpo, a untuosidade e o posgusto lento e delicado dos Sauternes. Será interesante saber que pasa en vindeiras colleitas.

Manuel Gago é xornalista e profesor universitario. 


{ 0 comments… engade o teu agora }
Deixa un comentario