
Fotos: Sole
Se es afeccionado á Historia, teste que ter fixado no castelo que se aprecia á dereita, cando vas de Pedrafita do Cebreiro a Vega de Valcarce, pola A6: ten un certo aire bramstokeriano, no alto dun outeiro boscoso, dominando un val pechado. Supoño que te pasará o mesmo que a min: hai algúns lugares (paisaxes, ruínas, casas, igrexas, bosques) nos que sempre te fixas cando pasas por unha estrada que empregas moito, aos que nunca foches pero que pensas visitar en canto te decidas. E nunca te decides, nunca tes tempo.
Iso pasoume co Castelo de Sarracín. Así que onte cumprimos a autopromesa, e subimos ese outeiro ata as ruínas. Sarracín -parece ser que nada que ver cos sarracenos, senón cun conde Sarracino que o fundou hai mil anos, está sobre a berciana Vega de Valcarce, dominando o antigo camiño de acceso a Galicia. A forte subida pagou a pena. Podes ver máis nestas fotos e no vídeo que preparei. No interior do post hai un mapa coa localización e o xeito de chegar, saíndo na A-6 en Portela de Valcarce.
Algunhas fotos de Sarracín:





Tes razón, Manuel: moitas veces cos mapas “non hai dificultades para perderse”… :)
pero paga a pena sairse dos vieiros de sempre para ver máis alá. Eu tamén me fixei toda a vida nese castelo dende a estrada, así que grazas por compartir ese punto de vista máis próximo e por dar ánimos para cumplir esas autopromesas esquecidas.
Porcerto, se facebook non nos engana: Feliz aniversario!
Que mentireiro é Facebook! ;-)
Pois si. Eu son outro dos que sempre se fixou nese castelo… e no de Vilar de Doiras, que penso que cadra preto (por autovía, polo menos, parece preto…), estirando o pescozo mentres conduzo para podelo ver no fondo do val…
Pero, como un sempre pasa con presas cando vai pola A-6, nunca ten ánimo para parar a botar un vistazo (logo, ó chegar á casa, arrepíntome e prométome que a vindeira vez o farei…)
Cada vez que fago esa ruta tento imaxinar cómo serían aqueles tempos e aqueles camiños de entrada a Galicia de hai, que sei eu… 400-500 anos? E qué pensaría un pelegrín vido de Francia ó pasar os Ancares entrando en Galicia? A onde lle parecería que estaba chegando? Porque o abrupto da paisaxe impresiona…
Perdón… Dixen Vilar de Doiras e penso que é Castelo de Doiras, a secas.
Fixen unha pequena “mezcolanza” con Vilar de Donas…
bueno… mágoa que facebook se equivoque… ou que alguén se equivocase ao meterlle os datos no facebook :P
eu, pódote asegurar que quen meteu os datos no facebook sabía o que facía. ;-)
Moncho, Doiras é un castelo fascinante, tamén. Hai que velo en inverno, cando o bosque do redor está cheo de farrapos de néboa e o granito parece basalto. Nese bonito libro que é Viaje por los montes y chimeneas de Galicia, un dos coautores, Castroviejo, fala das xornadas de caza que tiña nos Ancares, e como pasaba as noites nese castelo, que pertencía a un amigo, despois de perseguir o porco bravo…
Aquí tes un post que fixen sobre Doiras.
http://www.manuelgago.org/blog/index.php/2007/01/22/o-castelo-de-doiras-a-segunda-residencia-que-lle-gustaria-a-vlad/
Pois si que tes razón co deses lugares que sempre están aí cando pasas unha e outra vez camiño dun sitio. Algúns vanse gravando na memoria dende cativos. Un que lembro agora é o muiño de Xuvia, entre Narón e Neda, camiño da miña terra cedeiresa.
O castelo de Sarracín é outro deses como ben dis. Supoño que como lle pasa a moitos galegos do norte, xunto co castelo de Doiras.
Unha fermosa vista é dende a aldea de Ruitelán, a un par de quilómetros da Veiga de Valcarce, onde durmín cando fixen o camiño de Santiago nun pequeno albergue privado moi acolledor, convertido nun pequeno “potala” rexentado por unha parella de cataláns. Aquel día xa non tiña folgos para subir a velo e volvín quedar cas ganas. Tiña que gardar forzas para “escalar” o Cebreiro (que si se fai de vagar pola mañán xusto despois do almorzo non é para tanto).
Hai unhas semanas que cheguei ó teu blog e xa o teño nos favoritos. Outro día eiche comentar algunhas das miñas andainas facendo “castring”. Saudos.
Pois grazas por chegar aquí, Lapatianco, e xa me comentarás os teus castrings. ;-)
Eu son da Veiga do Valcarce e subin e subo algunas veces tes razón que resistiú o atace dos irmandiños e que tamen pernoztou Carlos V cuano iba a embarcar a Coruña,e muitas mas lendas que existen o rededor de este castelo.
E no monte de enfrente tamén existia outro que apenas se deben de onservar unhas ruinas,e deben estar tapadas po lo monte chamase Autares,que xunto co Sarracín cobraban o famoso Portazgo os que querian pasar a Galicia
Interesante, Javier, xa nos parecía a nós ao mirar o monte de enfronte que tiña toda a pinta de haber outra fortificación (aínda que nos parecía un castro).