Fotografías que son novelas

2 Abril, 2008

Hoxe, encantoume ver na NASA esta foto de Walter Schirra, comandante do Apolo 7, tomada diante dunha fiestra durante o noveno día dunha misión orbital ao redor da Terra. Confirmoume, unha vez máis, algo do que estou convencido: hai fotografías con tal forza narrativa que conteñen en si mesmas toda unha novela, e só precisan a alguén que as redacte e meta o papel na impresora (o particular é que moitas delas só parecen desvelar o argumento a un individuo concreto). Lembroume outra fotografía-novela que publicamos no Álbum da Emigración de culturagalega.org:


Jesús Canabal e irmáns na praia. ca. 1920. Fondo: Arquivo da Emigración Galega

Jesús Canabal foi un emigrante do concello do Pino que fixo fortuna en Uruguai como empresario e exerceu de mecenas e activista da diáspora en Montevideo. Esta imaxe de varudos mozos labregos no mar, rara nas coleccións fotográficas da época, daría para toda unha saga novelesca de amizade, irmandade e separación (¡que poucas novelas sobre a nosa emigración americana, por certo!).

{ 2 comments… Le abaixo ou engade o teu }

1 Xavier 2 Abril 2008 at 10:48 pm

Si, debeche de haber ben poucas, a min so me ven a cabeza a do Freixanes: ¨A cidade dos césares¨

2 magago 3 Abril 2008 at 1:57 am

…e posibelmente, unha das mellores, pero fala dunha epopea acontecida no XVIII, un século antes da gran migración que hoxe aínda lembro o noso imaxinario.

De poucos temas se ten escrito tanto en galego e, ao mesmo tempo, de poucos se ten novelado tan pouco. Ocorre tamén o mesmo con outros periodos catárticos da nosa Historia dos dous últimos séculos, como a Guerra Civil (aínda que neste caso hai novelas ben interesantes, pero non maxistrais), ou unha mirada intensa, máis brutal e radical sobre o noso agro, a pesca, a transición á democracia, a industrialización, a guerra de Cuba, eu que sei, a reconversión naval, etc…

O que non sei é por que os escritores non empregan máis estas ambientacións históricas, que poden dar moito de si. (Momento crítico).

Deixa un comentario

Podes usar estes HTML tags e atributos: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>