Conversas co meu xardineiro: un entretido diálogo cinematográfico

31 Marzo, 2008


Jean-Pierre Darroussin e Daniel Auteuil, actores de Conversas co meu xardineiro

Conversas co meu xardineiro
, do director Jean Becker, ten esa virtude rara que une a poucas películas contemporáneas: atraparte na conversa. Un coñecido pintor parisino retírase á casa familiar no campo. Entre os traballadores que recluta para preparar a casa, contrata a un xardineiro que resulta ser un antigo compañeiro de escola. Os dous personaxes enganchan desde o primeiro momento cunha química especial que os converte en amigos de longas conversas, nas que comparten máis do que se podería aparentar polas súas diferentes procedencias: e a película vai exactamente diso.

Jean Becker, o director, ensaia no filme as preferencias vitais desa clase obreira que vive no rural, que moito do campo francés e tamén galego comparten, e da súa interacción cun modelo vital máis bohemio e inesperado. Non é, desde logo, a típica historia humorística urbanita despistado recén instalado no campo, pero contraponse unha idea da vida no campo como sinxela e ordenada fronte a outra da artística: desordeada, imprevisíbel e sen referencias de futuro. Baseada nunha novela de Henri Cueco, a novela comparte moitos dos diálogos co seu orixinal escrito, se ben como afirma Becker, outorgaron musculatura á personaxe do pintor para facer de “paiaso blanco”. É un filme tan próximo ao sinxelo das persoas que emociona. Ademáis, ocorreu algo que nunca tal me pasara antes: nunha escena, o pintor atopa no soto un Chateau Angelus 82 que gardara o seu pai antes de morrer, e dáse un homenaxe con el no xardín. Peguei un chimpo no sofá: era exactamente o viño que estaba bebendo eu desta banda da pantalla, un excelente grand-cru de Saint Emilion que me chegara de rebote estes días, só que nunha anada 20 anos máis nova.

.

{ 0 comments… engade o teu agora }

Deixa un comentario

Podes usar estes HTML tags e atributos: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>