
Instalo a versión de proba de The Graveyard, un videoxogo indie, é dicir, un xogo creado fóra dos circuítos comerciais pola compañía belga Tale of Tales. O argumento ofrecido é estraño:
“Xogas cunha vella que visita un camposanto. Camiñas ao redor, sentas nun banco e escoitas unha canción”
Iso a versión de proba. A versión de pago (5 dólares) engade unha posibilidade ao videoxogo, “a posibilidade da morte. Cada vez que xogas, a vella podería morrer“. Que tipo de xogo é este? Onde quedaron os heroes musculados con espada e pócimas? “É máis unha pintura explorábel que un xogo, en realidade. Un experimento con poesía en tempo real, con narración sen palabras“, afirman na empresa. Chris Kohler, en Wired, achega unha boa interpretación:
“A interactividade é algo poderoso. The Graveyard podería ter sido unha curta no YouTube e non perder nada das súa calidade de presentación, ou da súa mensaxe. Pero a limitada interacción que tes coa personaxe -camiñas para diante ou para atrás, ou te xiras-, instantáneamente fai a conexión máis profunda e máis poderosa que se simplemente estiveras a mirar. Unha razón para isto é que ao controlar á muller, inmediatamente comprobas o vella e fráxil que é”.
En The Graveyard, a vella senta e comeza a escoitarse unha canción, cantada nun idioma europeo ficcional, que soa a eslavo. E a vella parece cismar nalgo. Cando rematas, lévala ata a porta do cemiterio. E xa está. Algo está a cambiar, rapidamente, no mundo dos videoxogos, e por aquí se pode ver. Tale of Tales é un equipo estraño. Agora mesmo están producindo The Path, a short horror game, protagonizado por esta adolescente pata-pau:
E no meu ordenador teño instalado un salvapantallas marabilloso, que é como unha fiestra a un mundo máxico, The Endless Forest, o bosque sen fin.

O xogo parte da idea de que cando durmimos, unha parte de nós convértese nun cervo que camiña por un bosque sen límites. O bosque sen límites é un mundo virtual en liña, co que nos conectamos en tempo real, no que hai outros cervos coma nós (outros usuarios que durmen), durmidos ou non, e cos que podemos interaccionar (como cervos máxicos). No ordenador, temos grandes cornamentas e algúns rasgos faciais antropomórficos, como seres da mitoloxía grega. Cando o noso ordenador durme, ábrese unha porta a un mundo virtual que está vivo. O xogo non ten un final definido. O final, igual que o principio, é a interacción e o camiñar vagabundo entre as árbores. É tan estraño, intrigante e atractivo que parece un canto de sereas dixitais.
E isto só é o principio.








Esperando pola túa opinión
Aínda non hai comentarios. Pero podes iniciar a conversa empregando o formulario de abaixo.
Coméntanos algo