Capítulo 0

MANUEL GAGO OFRECE UN MENÚ DEGUSTACIÓN DE:
DESEÑO. COMUNICACIÓN. GASTRONOMÍA. PRESENTE. ESTILOS DE VIDA. INTERNET. PASADO. VIÑO. CULTURA MULTIMEDIA. FUTURO. DESCUBERTAS.

Capítulo 0 random header image

Comer de turismo

Marzo 24th, 2008 · 3 Comentarios

Non é doado atopar o equilibrio entre partes cando vas de viaxe turística: sempre temos poucos días ou non andamos tan sobrados de capital como quixeramos. Así que as viaxes acaban por inclinarse máis cara o ámbito monumental, o deportivo, ou mesmo o gastronómico…O certo é que nunha viaxe de monumentos os horarios, as distancias, a axenda de visitas fai difícil moitas veces casar os teus gustos con eses restaurantes que queres coñecer, ou buscar ese condenado plato local que non sirven en ningures na rúa dos bistrós turísticos. A min gústame planificar nas viaxes longas unha ou dúas boas mesas creativas ou interesantes que quero coñecer nese lugar, e logo, o resto dos días, dedícoos ao xantar de supervivencia, rápido e lixeiro (á mediodía), e ao errar gastronómico pola noite, buscando platos do estilo gastronómico rexional, non demasiado pesados, e confiando na boa fortuna do turista (que a ten).

A miña maior ledicia da gastronomía viaxeira está, con todo, no seguinte: apousentados nun rico medio rural (na Gascuña, nas montañas asturianas de Narcea, no sur da Toscana, na Ulloa) un consegue dar cun magnífico restaurante, ao carón da casa, do camping ou do hotel, que sirve as mellores especialidades locais a prezos contidos. Un lugar no que aparece cociña tradicional tan rica, coidada e investigada que non te importa recuncar dúas ou tres noites, antes de volver á casa ou ao hotel, e investigar de novo outras partes da carta e da adega para aprender, aprender, reter os sabores aínda descoñecidos que pariu este gromo de terra. Con sorte, ademáis, ao camareiro ou ao propietario gustaralle explicarte matices, diferencias comarcais. Hai fogóns que condensan a cociña dunha rexión ou un país, servidos en racións xenerosas, en comedores cheos de parroquianos. Se os atopo, ¿ten sentido cambiar de mestres nada máis comezar?

Pasounos o outro día no restaurante O Cruzeiro, en Santa María do Bouro, ás portas da Serra do Gerês, fronteiriza con Galicia. E decateime de que me gustaría volver a el, dúas ou tres veces, as seguintes noites, se tivera tempo. Diante miña, nesa media ración (que non din rematado) tiña unha pequena catedral da gastronomía minhota: os rojões á minhota con papas de sarrabullho. Porco fritido (carne, pero tamén ril ou fígado), acompañados de rodaxas de farinhado, que é o bolo do pote local, unha pelota de fariña milla enchoupada en sangue de porco e fritida (e ben escurrida), acompañadas por ese descubrimento que son as papas de farrabulho, un picadiño para tomar con culler, case potaxe, feito tamén a partir da sangue do porco, galiña, porco, pan… que se sirve acompañado aos rojões. Unha pura marabilla tradicional. Aos rojões axudábaos o viño tinto da casa: ácedo a matar, como se espera destes viños labregos do Minho, pero cun potente sabor terreiro a froita e a uva a que o facía gozoso de beber. Todo por 12 euros persoa. Deixeino marcado para volver por aquí, con estes parroquianos que pechan ás nove e media da noite a sala, mentres xa toda esta pequena vila de Santa María parece durmir.

Tags: Diario · Paparotas & Co

3 respostas

  • lena // 25 Marzo 2008 at 8:24 am

    Siento que comer bien haciendo turismo es cada vez más complicado.
    Hay que planificar mucho para lograrlo.

    saludos, Manuel

  • Gourmetdeprovincias // 25 Marzo 2008 at 10:12 am

    Recordo que nunha ocasión, na periferia de Braga, vin as famosas papas de sarrabulho na carta. Cando as pedín para probalas o camareiro me preguntou: Espanhois? e ó contestarlle seguíu “Mais os espanhois nao gostan do sarrabulho”. Aínda así insistín e debín deixalo abraiado, porque as acabei de bo grao.

  • magago // 25 Marzo 2008 at 11:41 pm

    Si, as papas teñen todo o seu ritual, seica. No noso caso, o camareiro non nos deixou tomalas por separado, senón acompañando aos rixóns, e foi así como tamén os puidemos coñecer.

    Lena, coincido contigo en que lleva tiempo. A mí lo que más me desespera es buscar platos que quiero probar de la cocina local: es como todo, muchos de ellos sólo se cocina en casas.

Coméntanos algo