
Ei, sei que non debera ser así. Son do Barbanza. As miñas primeiras (e as segundas) botas de montaña queimáronse baixo mares inmensos de toxo no alto da serra, nos que sobresaían como cons mariños as penedías graníticas -algunhas aínda gardan abrigos e restos de habitación humana-. Son do húmido deserto de brañas, paisaxes illadas, frío e ventisca á noite. A miña educación visual está, primeiro, nas peladas liñas amplas de horizontes montañosos que agora as eólicas nos romperon por todo o país.
-Isto é unha cartografía do ánimo -dixérame un amigo, nun arrebato de inspiración, despois dunha longa xornada atravesando os dous, en soedade absoluta durante todo o día, o que quedaba do camiño real que atravesaba os Chans do Barbanza
Pero vou polo Gerês e nin o recoñezo, nin me recoñezo. Este é o único Parque Nacional de Portugal. Atravésao unha calzada romana que cruzaba estas soedades montañesas desde a veciña Braga e entra na actual Galicia polo corniño do sur do noso mapa político, na Portela do Home entre Entrimo e Lobios. O parque defínese pola densidade pétrea, puras bólas de granito, aquí chamadas fragas: este falso amigo lingüístico resulta sobre todo paradoxal. Un mira os mapas dos sendeiros, cheos de referencias a fragas de fermosos nomes, e imaxínase espesura verde, pero erro: as fragas son pedras prominentes, dentro de páramos pétreos. A soa perspectiva de facer quilómetros baixo un solleiro, co único acompañamento do granito e do toxo, resúltame hoxe escasa, ou insuficiente, porque poucas cousas hai que me chamen a atención no camiño que fagamos. Se cadra, tralo inverno, os ollos pediran unha fauna ou flora máis rica, unha abundancia visual. Ademáis, voume cargando unha certa carraxe interna: como o parque nacional está anegado por embalses, barragems, incorporados á oferta turística coma se foran lagos suízos, pistas inaxeitadas, algúns roteiros enferruxados, desdebuxados, os incendios que abrasan a carqueixa que sobrevive nestas alturas, os 75 euros por noite que pagamos por unha xélida habitación con vistas a un tellado e unha exasperante lentitude no servizo.
Eu son desta paisaxe ampla e pobre. Crieime nela. Pero o corpo pedíanos moitas cores. Nas viaxes, hai lugares que representan o teu estado de ánimo, que son como dicía o meu amigo, unha cartografía. Para outros, pola contra, sabes que non é o momento. E que non estás no lugar.








3 respostas
Non sempre sae todo como o pensabamos.
Eu tampouco sabia da diferenza entre fragas galegas e portuguesas.
Ás veces non é cuestión de ánimo, senon porque nos creamos unha idea do que imos a ver que non se corresponde coa realidade… Igual é por iso polo que eu non son de documentarme demasiado cando vou a un sitio novo, senon so o necesario para saber o que me vou a atopar. Así, non levo grandes decepcións, pero si moitas boas sorpresas…
O certo é que a min me gusta esa paisaxe erma, pero non era o tempo. Unha paradoxa que ata agora non experimentara. Imos vellos, seica.
Coméntanos algo