Historias de consumismo

16 Marzo, 2008

1. ¿Sabes en que se percibe cal é o ritmo vital dunha cidade? Nas escaleiras mecánicas co centro comercial. A cidade é slow, marcha ao paso das moderadas capitais de provincia, cando os consumidores se despanzurran pola escaleira mecánica ao ancho, sen deixar á esquerda un corredor libre para a subida ou marcha dos apurados. Nas grandes cidades, o noso corpo está habituado para botarse á dereita nos espazos públicos, como ante a chegada inminente dunha ambulancia do 061 na estrada. A esquerda é para os que xogan cos dous segundos de carreira que permiten un día máis de emprego ou non, a inercia da adrenalina de todo o día que comezará ou acaba de rematar. Un coñecido confesoumo un día:

-O tempo que estou desprazándome é tempo que perdo da miña vida.
-¿E que fas cando vives a túa vida?

Máis ou menos o mesmo, contestoume.

2. Ansiedade. Se puidera, faríalle unha entrevista ao señor que agarda detrás de min na fila das caixas do supermercado. Cos nosos paquetes de alimentos avanzando lentamente pola cinta, e cunha evidente separación de máis de corenta centímetros entre o meu último tetra de leite e a súa primeira barra de pan, o seu único pensamento vital nestes momentos, a única obsesión que rexerá a súa vida durante este par de minutos, será agardar ansiosamente que apareza a barra separadora das compras que poida interpoñer entre a súa compra e a miña. Faríalle unha entrevista, digo, a este home desesperado por que lle malcobren un tetrabrik de leite se se despista un segundo da tarefa de controlar as fronteiras da súa leira de códigos de barras.

-¿Quen lle pegaba de pequeno? -preguntaríalle. El, por suposto, negaría os cargos. Pero eu sei que algo moi duro lle debeu pasar na súa vida. Ou iso, ou ben, a xulgar pola cantidade de veces que pasa, a nosa cultura ten un compoñente moi disfuncional.

{ 0 comments… engade o teu agora }

Deixa un comentario

Podes usar estes HTML tags e atributos: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>