A muller miraba unhas leitugas no seu agro.
-¡Señora! -berreille-, ¿coñece a casa das tías Casildas?
A muller riuse cunha gargallada estentórea, case bíblica.
-¡Mi madriña! -dixo ela-, ¡mira que había anos que non oía falar das tías Casildas! É a casa que tes ao teu carón, rapaz.
Uns cans bouraban e roían a porta dunha vella casa labrega en estado semirruinoso. As tías Casildas morreran hai corenta ou cincuenta anos, pero a muller ofreceuse a levarnos ata a casa do seu sobriño: el aínda tiña as chaves. Mentres andabamos polas estreitas e solitarias ruelas de Sanxiago, na parroquia da Fontefría do concello de Amoeiro, a muller contounos unha historia.
-Unha das tías morreu cando eu era unha nena. De aquela os invernos non eran como os de agora, e non había estradas para saír de SanXiago. Cando en decembro comezaba a chover e non paraba, os camiños non había quen os andara. Así que os homes da aldea, para sacaren o cadaleito da tía Casilda, tiveron que ir por unha estreita corredoira, parando cada dous ou tres pasos, por medo a non esvararen pola lama. Naqueles anos, a xente aínda se soterraba na terra, así que pola mañanciña cavaron a cova para a tía. Con aquelas chuvias de toda a mañá, ao chegaren á igrexa da Fontefría coa morta, descubriron que a cova estaba chea de auga, e seguía a chover. Botaron o cadaleito dentro da cova, ¡e non vai o cadaleito e comeza a flotar! Por máis que o empurraban, o cadaleito non se daba afundido. Así que tiveron que afogar á tía despois de morta.
Manuel Bóveda, o sobriño das tías, era un vello serio, que miraba a televisión no primeiro piso. Un gato facía acrobacias pola fachada. O señor Bóveda colleu as chaves amábelmente e volvimos á casa das tías.
-Xa viñeron uns de Santiago a facerlles fotos aos cabezóns hai uns anos -dixo.
Abríu a porta, os cans saltaron en parábola sobre o vello, e ao entrarmos, vimos isto:

Ao fondo da ruína, onde estaba o pozo, e á súa dereita, observamos unhas caras de pedra que aparecían en piares. Eran os cabezóns. Un motivo recorrente na Europa céltica, sempre ubicados en piares e dinteis. Os devanceiros das tías reaproveitaran os cabezóns no interior da casa, e eran como espectros silandeiros, como deuses lares misteriosos e calados.

-¿De onde viñeron? -preguntámoslle a Manuel.
Encolleuse de ombreiros.
-Sempre estiveron aquí. Un deles, facía de brocado do pozo.
Manuel Bóveda amosounos o terceiro cabezón, na casa próxima do seu fillo, dunha factura distinta. Outra figura máis, cun pote-maceteiro decorativo por riba. Non sei se son de orixe castrexa, ou foron labrados nese limbo cultural que inspira aos nosos canteiros populares ao longo dos séculos ata hoxe en día. Pero ver esa figuras arcaicas anima a pensar cantas outras estarán nas casas do noso rural, cantos tesouros do noso pasado, se cadra algúns reveladores, aínda sen coñecer. Se cadra esta sexa a segunda ruína na que teñan habitado estas caras; algún labrego novo debeunas rescatar hai dous ou tres séculos dalgures para decorar a súa casa, traéndoas para a aldea nun carro renxedor. A casa das tías vaise hoxe tamén ela á ruína: estes espíritos da pedra volverán a durmir, sepultados, ata que chegue un novo labrego co seu carro dentro dun século e as volva espertar.








6 respostas
Lembrame aquil famoso descubrimento dunha das cabeza máis grandes atopadas endexamais dun guerreiro galaico ( na parroquia de Ralle (Lugo)) que estaba nun cortello e que se empregou sempre para subirse á besta… Ver: http://www.concellodetaboada.com/Guerreiro%20castrexo.htm
Máis sobre a cabeza do guerreiro de Ralle: http://www.lavozdegalicia.es/hemeroteca/2005/08/13/3980193.shtml?idioma=galego
Como sempre 46 post atrasados pero moi interesantes
Un saudo e moitas apertas 
E as sorpresas que aínda irán aparecendo, e moitas delas ficaban diante das nosas narices!
Son o neto de Manuel Bóveda e agrádame a repercusión que tiveron en vostede os estudos que analizan os achados arqueolóxicos desta zona de Amoeiro .
Ata que os investigadores da USC viñeron nadie sabia do pequeno gran valor que teñen esas pedras , que levaban ahí desde que se fixo esa casa hai xa 140 anos.
Carlos, vaia casualidade! Xa lle agradecín, e repítoo aquí, ao seu avó a enorme amabilidade ao ensinarnos as pedras na casa das tías. O certo é que o patrimonio de Amoeiro é sorprendente, non só pola abundancia, senón polo excepcional de aproveitar tanta tradición indíxena. E máis veces que penso seguir visitando a zona!
Coméntanos algo