Publicado o 9 / Marzo/ 2008 en: Diario, Roteiros

Unha ‘excalibur’ nos Chaos de Amoeiro

formigueiro_1.jpg

Aos pés do Coto do Castro, que limita polo nordeste o Chan da Ferradura, onde está o suposto petroglifo aliñado co solsticio de inverno, hai unha pequena aldea apreixada nun val algo máis escuro chamada Formigueiro. Por riba dela, os cons de granito do Coto, e, na fronte, sobresaíndo sobre as casas, un promontorio que se chama o Castelo, que podes ver na foto, cargado de lendas de mouros e serpes. O Formigueiro son unha presada de casas con fachadas de pedras irregulares, procedentes de aproveitamentos centenarios en toda a súa contorna. Pero a capela ten un tesouro enorme, un tesouro estraño e raro de ver no noso país. Fixácheste na súa fachada, na foto?

A finais dos 80, durante unhas obras de remoción, os veciños da aldea descubriron que a mesa do altar era esta singular pedra.

formigueiro_2.jpg

Ninguén coñece a súa procedencia, pero para esa pequena comunidade aldeá a lousa, dous mil anos despois, segue a ter unha gran importancia, como para colocala na fachada da súa capela con orgullo, a pesar de non representar ningún motivo relixioso cristiá. Se un a mira non pode deixar de sorprenderse. É unha lousa con motivos castrexos, similar ás que se teñen atopado, no norte de Portugal, como pedras formosas, como frontais desas enigmáticas construcións chamadas saunas ou fornos castrexos. Pero a primeira que me atopo desta excepcional calidade en Galicia. ¿De onde saíu? Noutras casas da aldea hai máis pedras gravadas con motivos castrexos que poderían pertencer este conxunto.

formigueiro_3.jpg

Un veciño sinálanos como subir ata o castelo, seguindo unhas colmeas. O roquedo está cheo de roquedos e vexetación, pero afortunadamente alguén preocupouse por limpar as ruínas. O castelo do Formigueiro, do que só hoxe fican cimentos, foi no seu tempo cabeza administrativa da zona. Era un castelo agachado na súa contorna, derrubado polos Irmandiños e erguido de novo.Seguindo un curioso pasal de pedra, atopámonos o primeiro petroglifo. unha cruz de cabaleiros:

formigueiro_4.jpg

Pero a sorpresa chegounos despois. Tras superar un impresionante e profundo pozo de pedra excavado na rocha, na terraza máis habitábel do castelo, atopámonos con esta incríbel espada, gravada na rocha, probábelmente gravada coas súas dimensións reais.

formigueiro_5.jpg

Imaxínome aos soldados da guarnición do castelo gravando a espada nas súas horas mortas de garda, pero na miña imaxinación algo delirante -e este blog, deste logo, non ten ningún tipo de ánimo de rigor científico, pero tampouco de confundirlles mesturando especulación e realidade-, non podo menos que imaxinarme unha conexión que vincula, de xeito inverosímil, pero coherente, os estraños petroglifos do alto do Chan da Ferradura, en especial, o que ten as ducias de pegadas labradas, e esta excalibur atrapada na pedra do castelo. Por suposto, confirmarán que deliro. Pero non se enganen, esta é a grande riqueza cultural deste país: ofrecernos continuamente elementos para delirar e imaxinar.

Máis información no artigo referenciado “A apropiación simbólica da cultura material castrexa na paisaxe cultural dos Chaos de Amoeiro (Ourense, Galicia)

Hai un mapa da localización no interior do post.


Ver mapa máis grande