Hai segundas marcas e segundas marcas. Non se pode entende o despegue do Bierzo como zona vitivinícola en auxe sen a aventura que levou a cabo a familia Palacios -rioxanos- na zona. Ricardo Palacios, sobriño do mítico Rafael Palacios que elabora sonadas referencias do Priorat como Finca Dofí ou L’Ermita, elabora en Vilafranca algúns importantísimos (e caros) mencías, coma o Corullón ou o Finca La Faraona. O Pétalos é o máis baixo da súa gama, pero iso non quere dicir nada: é un tremendo viñazo no que un comeza a descubrir con intensidade as enormes potencialidades da mencía.
Tomámolo coa Bodeguilla de San Roque a rebentar, Miguel e máis eu, recluídos nunha diminuta mesa circular -gústanme esas mesas pequenas da Bodeguilla, danlle un divertido aire conspiratorio, ou de conciliábulo, ao lugar-, e comezámolo mentres caían as tostas de pan con tomate ou os excelentes patés da casa. O Pétalos ten case unha cor espesa de vermello picota, e unha bágoa moi reducida que lle dá unha personalidade especial. En boca, sen embargo, é sorprendente: profundo, prolongadísimo, fresco pero non ácido: nel aprécianse, sobre todo, froita negra e un certo toque mineral -non tan marcado coma noutros mencías, pero perceptíbel, e que para min é unha rúbrica do terroir-. O máis notábel, con todo, era a súa permanencia, a súa amplitude, que o fai un viño ideal para golosos do viño. Déixase estar no interior do padal e queda aí tempo, coma se miraras ao fondo dun pozo escuro, con ganas de telo presente no padal. Un viño cheo de saber! Coincido con Joan en que o Pétalos precisa abrirse uns 20 ou 30 minutos antes para que dea todo de si. Nada que non poidamos asumir.

Manuel Gago é xornalista e profesor universitario. 


{ 4 comments… Le abaixo ou engade o teu }
Máis que de segundas marcas cabe falar de aplicar a filosofia ou as maneiras borgoñonas, nas que o Pétalos seria o viño xenérico do Bierzo con uvas procedentes dos viñedos de varios concellos limítrofes a Corullón, o Corullón seria o viño elaborado con uvas de parcelas pertencentes a este concello, e os San Martin, Moncerbal, Las Lamas, Fontenlas ou a Faraona son viños de viñedos, crus, clos, pagos ou terriñas-pedazos de chan concretos. Canto máis se concretiza maior é a expresión da terriña e das suas cepas case centenarias.
Perfecta apreciación. Ademáis, creo que a formación francesa dos Palacios lles fai aplicar esta idea con frecuencia en bastantes proxectos.
Co de segundas marcas -que creo que é unha metáfora axeitada- quería sinalar ese proceso polo cal alguén que non pode acceder a un produto dunha coñecida marca de calidade, confórmase cun produto -unha tele- á que o vendedor encárgase de sinalar que pertence á primeira marca: como a tele, comparte tecnoloxía coa casa matriz, e ten outra que procede doutras factorías, formando un conxunto con custes máis baixos de fabricación. No equilibrio comercial de viños dos Palacios, o Pétalos debe ser o mesmo que Les Terrases no Priorat, fragmentos accesibles da súa excelencia viticultora. Por ese prezo en tenda, o Pétalos é un viño imbatíbel.
Agora ben, non sei o axeitado que é o nome. Coñezo amigos que, no seu momento, se botaron para atrás de mercalo porque lles soaba algo cursi. A escolla da marca é algo crucial.
Certamente axeitada e mui boa a explicación das segundas marcas porque neste caso o Pétalos é fundamentalmente de uvas mercadas a outros viticultores.
Tamén están os que se sinten atraidos polo seu nome e ante a dubida e diante de varias marcas do Bierzo hai quen o escolle pola sua imaxen, este tipo de escolla é cada vez máis determinante no mundo do viño.
Nesto dos bodegueiros pasa o mesmo que nas familias dos toreiros, vanse enxertando novos gromos en cepas vellas para manter a nobreza. A familia Palacios atesoura o coñecemento e sabe onde esta o tesouro enterrado. Eu son un enfermo vicioso das súas fontelas. Por certo, cando falamos dun segundo viño todo é relativo. Non é o mesmo un segundo viño de Vegasicilia que un segundo viño de Protos. Hai bodegas que aínda lle queda por facer o primeiro
A semana pasada probei un Leione de Dominio dos Tares e un sorprendente el Regajal de Madrid. O peor é que non estou en condicións de acompañalos dunha boa tallada .-)
Despois da semana santa voltaremos a postear, agora mesmo estou liadísimo co traballo.
Unha aperta.
Deixa un comentario