El Bulli desde dentro, do xornalista Xavier Moret, é unha crónica dos inicios e do desenvolvemento de El Bulli como fenómeno global da gastronomía. O xornalista compartiu bastantes horas con Ferrán Adriá, poñendo por escrito os artigos que entregaba o cociñeiro para a edición de verán de El País. E durante ese tempo e moito despois, Moret tivo a oportunidade de achegarse á filosofía hiperactiva de Adriá. Eu creo que o principal valor do libro está en coñecer algo da organización interna do complexo de iniciativas xurdidas a partir de El Bulli -El Bulli Taller, a Fundación Alícia, El Bulli Catering…-, e ver como se manteñen en equilibrio.
Moret recolle, sobre todo, a filosofía fervedoira do cociñeiro, organizando o seu discurso e captando en esencia a súa peculiar linguaxe técnica. En especial, chamoume a atención a visión global de Adriá, que pensa xa coa dimensión-mundo nas súas investigacións, e o xeito no que o cociñeiro xa asume que o seu traballo deixou de ser excepcional e único, e que na carreira da alta cociña, cada ano que pasa supón un esforzo maior para diferenciarse, a súa sinceridade de non saber ata cando poderán aturar o ritmo con garantías. Coma todos os libros dos Premios Sent Soví, adoece de falta de edición -¿costará tanto contratar a un profesional que lle dea un repaso ao texto?-, e ás veces hai reiteracións absurdas e sobrantes nos capítulas. Malia iso, en esencia, é un interesante observatorio para para mirar dentro do restaurante máis famoso do mundo, aínda que case non aparece ningunha gran revelación. E nin sequera creo que as houbera. Alí dentro, na cala Montjoi, non hai tempo nin para secretos.


Manuel Gago é xornalista e profesor universitario. 





{ 4 comments… Le abaixo ou engade o teu }
Eu só coñecia a Xavier Moret na súa faceta de escritor de viaxes, por exemplo, co libro ¨A illa segreda¨(¨La isla secreta¨), etc.
Por certo, o meu logotipo goetheiano, U-lo?
Xavier, o gravatar só che sae cando pos o teu correo web@culturapopulardesandias.com. Puxeches outro.
Ah! Pois si. É o malo de ter varios correios…
Deixa un comentario