Capítulo 0

MANUEL GAGO OFRECE UN MENÚ DEGUSTACIÓN DE:
DESEÑO. COMUNICACIÓN. GASTRONOMÍA. PRESENTE. ESTILOS DE VIDA. INTERNET. PASADO. VIÑO. CULTURA MULTIMEDIA. FUTURO. DESCUBERTAS.

Capítulo 0 random header image

El Bulli desde dentro, ou como encaixar en papel a hiperactividade de Adriá

Marzo 4th, 2008 · 4 Comentarios

elbulli.jpgEl Bulli desde dentro, do xornalista Xavier Moret, é unha crónica dos inicios e do desenvolvemento de El Bulli como fenómeno global da gastronomía. O xornalista compartiu bastantes horas con Ferrán Adriá, poñendo por escrito os artigos que entregaba o cociñeiro para a edición de verán de El País. E durante ese tempo e moito despois, Moret tivo a oportunidade de achegarse á filosofía hiperactiva de Adriá. Eu creo que o principal valor do libro está en coñecer algo da organización interna do complexo de iniciativas xurdidas a partir de El Bulli -El Bulli Taller, a Fundación Alícia, El Bulli Catering…-, e ver como se manteñen en equilibrio.

Moret recolle, sobre todo, a filosofía fervedoira do cociñeiro, organizando o seu discurso e captando en esencia a súa peculiar linguaxe técnica. En especial, chamoume a atención a visión global de Adriá, que pensa xa coa dimensión-mundo nas súas investigacións, e o xeito no que o cociñeiro xa asume que o seu traballo deixou de ser excepcional e único, e que na carreira da alta cociña, cada ano que pasa supón un esforzo maior para diferenciarse, a súa sinceridade de non saber ata cando poderán aturar o ritmo con garantías. Coma todos os libros dos Premios Sent Soví, adoece de falta de edición -¿costará tanto contratar a un profesional que lle dea un repaso ao texto?-, e ás veces hai reiteracións absurdas e sobrantes nos capítulas. Malia iso, en esencia, é un interesante observatorio para para mirar dentro do restaurante máis famoso do mundo, aínda que case non aparece ningunha gran revelación. E nin sequera creo que as houbera. Alí dentro, na cala Montjoi, non hai tempo nin para secretos.

Tags: Diario · Libros · Paparotas & Co

4 respostas

Coméntanos algo