Beber Ultreia do Bierzo á saúde de Plinio

22 Febreiro, 2008

castro_ventosa.jpg
A cidade romana de Bergidum, actual Castro Ventosa, preto de Cacabelos (Bierzo)

Co meu profe de catas Antonio Portela, o Viticólogo dos Bagos, e Nicolás González, de Papar e Vivir, tiven a divertida oportunidade de darlle á arte da cata pola selección de viños galegos e do Bierzo o martes pola tarde no Fórum. O bo que teñen estas mesas de cata é que se poden probar viños que, doutro xeito, sería moi difícil atopar. Por exemplo, dúas rarezas que fai Xosé Luís Mateo na súa adega Quinta da Muradella, en Monterrei, e que non son tan coñecidas como o seu excelente tinto Gorvia, de moda nos restaurantes do país e un dos meus preferidos en Galicia. Mateo aílla esas variedades que tradicionalmente se empregan en Monterrei para darlle máis complexidade aromática aos brancos, como pode ser a dona branca ou a bastarda, e con elas constrúe monovarietais que case parecen ter fins didácticos. Ao probalos, un identifica claramente a procedencia dos aromas elegantes que acompañan aos bós Monterreis, aínda que se cadra lle falten algo do corpo e da estrutura necesarios para facerse grandes viños. O dito: didactismo puro.

No Bierzo puiden probar algunhas pequenas xoias, coma o Corullón -o excelente tinto da familia Palacios que, dalgún xeito, contribuiu a facer do Bierzo un novo territorio de despegue vinícola no mundo-, pero os que máis me chamaron a atención son os Ultreia que acaba de lanzar Raúl Pérez, dous impresionantes mencías que se fan aí mismo, nese lugar que vedes na foto, neses viñedos da dereita, e iso lles outorga máis emoción. Coñeces ese outeiro?

É Castro Ventosa, moi preto de Cacabelos, de nome antigo Bergidum. Ese outeiro, un gran descoñecido para os turistas que van ao Bierzo, mantén un dos xacementos arqueolóxicos máis espectaculares do Noroeste peninsular, e aínda en gran medida descoñecido. Aquí estivo o último castro da zona que opuxo resistencia ás lexións romanas. Estas despois ergueron unha cidade sobre el. Pero o máis espectacular son as súas murallas, construídas na mesma época que as de Lugo ou as de Astorga. Aí están, non tan espectaculares como as luguesas, porque están máis desfeitas, pero de similar factura: cubos circulares de xisto rodeando a cimeira. O CSIC vai emprender en breve o proxecto de investigación arqueolóxica do recinto inexplorado de Bergidum, no que hai quen di que viviu Plinio cando estivo na provincia tarraconense de Hispania en tarefas políticas e se achegou ás Médulas para observar a minería. Hoxe, no alto de Bergidum, quizais sobre as ruínas da casa na que viviu un dos máis destacados científicos da Antigüidade, medran fermosísimas e vellas cepas de mencía, como esta.

castro_ventosa_mencia.jpg
Mencía no alto de Castro Ventosa

E neses pagos do oeste, que vedes á dereita da foto, o enólogo Raúl Pérez, que é un crack, cultiva o seu Ultreia. En realidade, son dous. O Ultreia Saint-Jacques 2006, un potente mencía a un prezo moi asequíbel (7 euros), e o carísimo Ultreia Valtuille, do 2005, que anda sobre os 30, pero que é basicamente espectacular. Un mencía fresco pero cunha acidez moi contida, cunha potente mineralidade, monte baixo, flor silvestre, clave para comprender a singular personalidade dos viños do Bierzo e dalgunhas zonas de Monterrei. Confésoo: fixen un brinde en silenzo á saúde de Plinio. E algo do espírito curioso do romano -que morreu ao achegarse perigosamente ao Vesubio durante a mítica erupción que remataría con Pompeia-, algo se me debeu pegar, filtrado entre os taninos, porque quixen saber con urxencia que gardarán, baixo as vellas mencías da croa, as imponentes murallas de Bergidum.

.

{ 0 comments… engade o teu agora }

Deixa un comentario

Podes usar estes HTML tags e atributos: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>