Os viños da fronteira están a sorprender, e moito. Os adegueiros din que ven ao cambio climático cabalgando polo Este, levantando unha nube de pó por riba de Castela, e que así está a provocar cambios xa perceptíbeis nos viños. Non o sei. Pero se podes próballe este Castro de Lobarzán 2006, feito a partir de mencía e araúxa -o clon da tempranillo que se planta na zona de Verín-. Todo un viñazo, e un dos dez mellores tintos do país, sen dúbida, aínda que case non se coñeza alén dos círculos moi especializados. É un viño atlántico, pero moi goloso, con matices profundos a froita vermella que o marcan definitivamente con ese toque que lle outorga a araúxa aos viños de Monterrei. É tan consistente que seguramente aínda terá un bo percorrido no vindeiro ano ou mesmo dous máis. Anda polos sete euros, que é un prezo fantástico para este señor das vides. En Santiago atópalo en Valladares e seguro que vai dar moito que falar.
Gustarache se che gustan: Gorvia, Casal do Cabildo, Terras do Gargalo, Lacima, Pagos de Galir.

Manuel Gago é xornalista e profesor universitario. 


{ 2 comments… Le abaixo ou engade o teu }
Pois buscareino e probareino… cunha recomendación así, non deixas outra opción :-)))
Encantado de coñecer o teu blog… moi interesante, en tódolos sentidos… mirei por onde estabas e te atopei… enlázote e continúo a visitarte…
Unha aperta…
Pois alégrome moito de que pasaras por aquí. Volva vostede cando queira, que o convido a licor café.
Deixa un comentario