
A Nikon D40X e a Nikon D80
Non hai dúbida de que se queres dar un paso adiante na fotografía tes que pasarte ás reflex, e iso por moitos motivos, como a rapidez para retratar a suxeitos en acción, ou dispoñer de boas ópticas, obxectivos con máis precisión e alcance e capacidade de dar máis tempo de exposición.
Nisto das cámaras reflex, cada mestriño ten o seu libriño. Se estás pensando en mercar unha, vas atopar a hooligans de Nikon e de Canon, no mellor estilo atrincheirado dun forofo de Apple. Entre todos vante romper a cabeza ata que xa dubides mesmo de mercar a cámara. Eu non son nada hooligan con isto: aínda estou aprendendo e quero aprender, pero podo achegar a miña experiencia con dúas Nikon reflex do segmento baixo e medio. Aquí van algunhas ideas sinceras por se che axudan a liarte máis na decisión.
A Nikon D40X é a reflex máis barata de Nikon. O seu kit con dous obxectivos, un 18-55 mm e outro 55-200mm sae en 799 euros (unha versión só co obxectivo 18-55 mm. sae en 699). Trátase dunha cámara moi lixeira e manexábel que pode ser un punto de partida cara o mundo da fotografía reflex. Ten unha certa capacidade de personalización, pero fáltalle o visor lateral (que é un punto importante). O obxectivo super básico de 18-55 que trae non permite o enfoque manual, co cal hai que confiar exclusivamente nos tres puntos de enfoque que che permite a cámara. En condicións non demasiado complexas debería abondar, pero non está de máis contar coa capacidade de enfoque manual.
A Nikon D80 xa é unha cámara dunha envergadura e peso máis considerábel, e anda en tenda polos 1099 euros, cando vén co kit dun obxectivo 18-135 mm. O autofocus dispón de ata 11 puntos nos que situar o enfoque, e que se poden cambiar de xeito manual. A cámara é rápida, moi rápida, e conta cun visor lateral con datos valiosos e unha traseira con máis botóns de acceso directo ás funcións, o cal se agradece. Nikon pensa nela para o afeccionado avanzado, ou semiprofesional, e o certo é que te permite xa un uso moi intensivo da cámara. Unha mención especial merécea ese obxectivo 18-135 mm., que ten un gran angular basicamente impresionante e moi superior ao da D40X, e que te permite sacar desde grandes angulares ata achegarte bastante co zoom.
O tema dos obxectivos é moi importante. Moitos vanche dicir que é mellor un obxectivo 18-55 mm. que outro tan amplo como un 18-135 mm., porque en teoría ao ser de percorrido tan longo resta luminosidade e obriga a unha exposición máis prolongada. Non lles fagas moito caso: hai que ser un auténtico fenómeno para apreciar a diferencia. Eu teño feito fotos co 18-135 mm. en condicións de luminosidade mínimas e a pulso, con exposicións mínimas, e unha vez que se lle colle o xeito aguanta como uncampeón. O peor das reflex, para min, é o tema de andar cambiando de obxectivos -e introducir suciedade na máquina-, e a versatilidade dese obxectivo solucióname ese problema en gran medida.
En fin, coma con calquera outra afección, todo depende do que te queiras gastar. Se estás comezando, ou buscas algo interesante para probar, se cadra a D40X sexa a mellor opción e, insisto, fai fotos moi boas e se lle pode tirar moito partido. Se dispós de máis solvencia económica, e vas en serio con isto das fotos, eu me pasaría á D80 con ese gran obxectivo: por pouco máis, xa tes unha cámara que seguro que te vai acompañar durante un longo periodo de aprendizaxe fotográfica. Ultimamente, en Capítulo 0 moitas fotos están feitas coa D80, e puntualmente algunhas coa D40, e xa ves que hai un salto de xigante na calidade gráfica do blog con calquera das dúas. Paga a pena.

Manuel Gago é xornalista e profesor universitario. 


{ 10 comments… Le abaixo ou engade o teu }
Xa ves, eu merquei a Canon EOS 400D, como regalo por ser boa alumna, pero me fago un lío tremendo co seu manexo.
Pouco a pouco este ano, para seguir sendo boa alumna, aprenderei duas cousas: fotografía e galego.
Aqueles tempos en que a xente miraba para a miña cámara dixital coma se fose algo “máxico”… claro que estou falando do ano 2000, coa miña querida Olympus CL2500, coido que a única cámara reflex non profesional que había entón, un aparato moi peculiar e que conservo con moito cariño. No 2003 “xubileina” e merquei a Canon EOS 300, coa que aínda sigo. No meu caso non son dos fanáticos de Canon ou Nikon, só era que tiña os obxetivos e filtros dunha Canon EOS de carrete e así a cousa saírame ben de precio. Se tivera que mercar unha cámara agora mesmo, e por dar a versión da outra marca, a EOS 40D vén ser a opción maís interesante actualmente neste segmento semi-profesional.
Saúdos
moitas gracias pola comparativa!
vese que me facía falta
Si, a mágoa é non ter a man unha Canon Eos 400 ou unha 40D para ver as diferencias coas Nikon, que é unha curiosidade que me pica moito. En todo caso, para “anticipar” como sairán as fotos nada mellor que empregar o buscador de cámaras de Flickr, que te saca as imaxes que se suben ao sitio con cada cámara:
http://www.flickr.com/cameras/
Hola Manuel:
Unha puntualización ,a Reflex máis barata é a Nikon 40D, que é a que eu teño. É exactamente igual a 40DX pero con 6,1 Mpixels e o seu prezo anda polos 500.
Penso que é unha moi boa elección para pasar as Reflex e a súa optica e facilidade de manexo son excelentes
…eu merquei este nadal a D40X e estámonos a coñecer…
…en calquera caso estás seguro de que non se pode enfocar manualmente? eu penso que sí (eu son capaz, vamos!)… agora que saiu a nova D60, creo que ten xusto ese punto intermedio que é o máis recomendable (para quen poda permitirse gastar o que custa, claro)…
Refírome a enfocar desde o obxectivo. No modelo cos dous obxectivos aos que me refiro o enfoque é unicamente automático, ou seleccionando co cursor algún dos tres puntos de enfoque.
Se cadra teñas outro obxectivo diferente…
Ah, si, a D60. Aquí vai unha ligazón á páxina oficial no web de Nikon:
http://www.europe-nikon.com/product/es_ES/products/broad/1546/overview.html
…non vamos comezar unha discusión eterna… pero eu teño o kit de dous obxetivos e podo enfocar manualmente…
…tes máis info da D60 en: http://www.quesabesde.com/noticias/nikon-d60-analisis-video,1_3986
Hai xente que case non precisa cámara para facer boas fotos. Estoume acordando do amigo vari caramés :-). Está claro que unha boa cámara por si soa non fai boas fotos, pero axuda. Agora ben, se dominas un pouco a técnica claro que podes acadar notables resultados cunha cámara mediocre.
Eu son canonista desde que xubilei a PENTAX MX e que gardo con moito cariño. Vinte anos de trafego diario sen nengún problema. Despois comprei unha canon eos 50 analóxica, máis tarde paseime ao dixital cunha canon EOS D20 e agora, nestas pasadas festas do nadal fixéronme un agasallo moi especial a familia coa Canon EOS D40. Teño que decir que aos vinte días por culpa, coido que, dunha tarxeta defectuosa deixou de funcionar e tívena que enviar desde Canarias á Canon á Madrid e pagando os portes do meu peto. Menos mal que aínda non vendera a D20 e podo seguir facendo fotos. O motivo de vender a D20 é pola suciedade que se acumula no sensor, como ben dis , este é o maior problema das dixitais. Eu a D20 envieina a limpar a Casa canon, a Madrid, pois en canarias non hai servicio de ccanon. Esperemos que o limpador incorporado a D40 o solucione en boa parte. Pero despois da mala experiencia vou andar con moito coidado a hora de cambiar obxetivos.
Ah, e para rematar xa, dicir que as prestacións da CANON D40 son moitas en referencia aos outros modelos de CANON D20. D30, D350, D400… pero claro, neste mundo tan dixitalizado non se sabe ata cando, seis meses, un ano.
Deixa un comentario