Capítulo 0

MANUEL GAGO OFRECE UN MENÚ DEGUSTACIÓN DE:
DESEÑO. COMUNICACIÓN. GASTRONOMÍA. PRESENTE. ESTILOS DE VIDA. INTERNET. PASADO. VIÑO. CULTURA MULTIMEDIA. FUTURO. DESCUBERTAS.

Capítulo 0 random header image

Filmando na cidade dos teixugos

Febreiro 3rd, 2008 · Esperando pola túa opinión

teixugos_1.jpg
Un camiño animal sube o outeiro na cidade dos teixugos. Fotos: Sole

teixugos_2.jpg
Colocando cámaras infravermellas no bosque

No Nadal de 2005 falei da nosa visita á cidade dos teixugos: unha colonia destes animais que habitan hoxe no antigo interior dunha gran finca agrícola abandonada en Palmeira (Ribeira). Entre os carballos, descúbrense máis de corenta entradas a tobos destes mamíferos e a súa incesante actividade noturna outórganlle ao lugar unha sorte de incríbel urbanismo animal. O chan está deformado polos montes de terra que estes teixugos sacan do subterráneo, onde continuamente excavan novos túneis e cámaras, e as grandes bocas de tobeiras, polas que entraría un neno sen dificultades, ábrense entre os carballos. Non hai que ser un rastreador para percibir a enorme actividade do lugar cando non imos molestar a el; camiños que suben o outeiro, que baixan, que saen e entran da corredoira que empregan os labregos. Esta cidade animal podería ser centenaria, e continúa en expansión; observouse a apertura de novas madrigueiras, xa sen agocharse, na zona leste do bosque. É un patrimonio fermosísimo que preferimos manter oculto.

Esta cidade de teixugos é o punto de partida do novo documental da Asociación Xuvenil para o Estudo da Natureza (AXENA). Seguramente xa tes visto neste blog os seus dous anteriores documentais: En marcha por un desafío e As catedrais do silencio. Os mozos de Axena sempre compatibilizaron o interese polo estudo da vida animal coa investigación aplicada en tecnoloxía, especialmente o uso de cámaras infravermellas. Neste novo documental, irán un paso máis alá, para tentar obter imaxes dos mamíferos carnívoros, como raposos, teixugos e lobos. Neste vídeo, falo con Xurxo Gago máis de vagar do proxecto e visitamos o plató natural no que se filmarán aos teixugos: a súa propia cidade.

.

Tags: Diario · Roteiros

Esperando pola túa opinión

  • Aínda non hai comentarios. Pero podes iniciar a conversa empregando o formulario de abaixo.

Coméntanos algo