Adeuses na invernía

Moncho, María e Carmen, comigo.
I. Valle-Inclán chegou co seu carriño de cascabeis, subindo a lomba onde estivera o antigo lazareto. Prendeu o carriño a unha argola e, prudentemente, tapou os sulfatos que lle fixera Tato para tentar remediar con química o seu desastroso experimento agrícola de retorno á fidalguía. Ao entrar, atacoulle o bafo do tabaco. En peores, bastante peores tabernas estivera no lumpen de Madrid. Os tratantes comían callos e polbo á feira nos bancos, e unha luz morredoira a penas permitía distinguir brillos nas cuncas e nalgúns ollos, máis vidriosos de máis. Un par de gatos estaban á espreita nun furado con luz ao fondo. Na barra, o taberneiro púxolle unha cunca de tinto.
-E non me mercarás a min o viño, Manuel? -dixo don Ramón.
-Sonlle un home de palabra, e téñoa emprestada con outros -escapouse don Manuel encolléndose de ombreiros.
Valle-Inclán suspirou e sentiu como unha esperanza marchaba pola porta.
-¿Cando marcha o vindeiro coche a Madrid?
-Este por agora vaille deixar en Santiago -contestoulle con algo de retranca don Manuel.
O escritor ficou calado. Unha neniña de cara redonda miraba para el no alto da escada.
-¿E logo non queres vir comigo, Carmiña? -preguntou ao aire. A meniña escapara.
II. Os nenos das vilas da Arousa sabemos a que cheira a nosa infancia. A atún cocido. Ese cheiro que enchía as nosas casas, das fábricas de conserva que xurdiran a finais do XIX e principios do século XX. As mans das mulleres das rías baixas son mans de latón, os corpos son mandís verdes, traballo en cadea. Durante a Guerra, os militares teméronas. O segundo cheiro era o de apañar, un suor vexetal. Si, esa palabra é clave. Apañar. As mulleres da Arousa eran grandes apañadoras. Saían da fábrica e apañaban argazo, apañaban ameixas, apañaban madeira, apañaban millo. Na posguerra, esas mulleres apañaron con medo nos piñeirais dos caciques. E cada monllo que apañaban era un pouco máis de vida para o resto.
III. Non a lembro nunca quieta. Unha das miñas primeiras imaxes é batallando a morte contra os mosquitos no verán. “Meniño”, dicía, “vente que agora si que van marchar da habitación”. Ese é o terceiro cheiro da miña infancia. O Fogo. Unha fumigación desesperada e radical, tan besta como nunca vira a miña vida, para solucionar aqueles veráns nas que eramos presa do ataque. No inverno, era máis ben unha man sobre o bandullo, sobre as mantas. Como lle gustaba tocar o bandullo. E dar calor. Na praia, tiraba pedriñas contra os pés e facíase a inocente, mirando para outro lado. Ao nadar, no mar atopaba moedas de 500 pesetas. E sempre tiña calor. Tras facer o paripé de ir durmir antes de que os meus pais marcharan o sábado pola noite, volvía á sala onde ela cosía. E, por suposto, puñamos na TVG, onde estaban con O Mellor, o combate de chistes que mantía Manolo Rivas. “Onde queda a Fonsagrada?”, preguntaba. Aqueles vellos chistosos parecían vir de tenebrosas e distantes montañas. A avoa sabía de onde viñan: dese concepto distante, arcaico que nas comunidades mariñeiras se tiña do interior do país. Un mundo antigo para un mariñeiro arousán.
Lembro un xesto de cariño. Desaparecidos os gatos desa casa -esa é outra historia- tratabamos ás galiñas e aos galos como experimento social, de pequenos. O máis parecido á vida salvaxe. “Vouche ensinar unha cousa, xa que che gustan tanto as galiñas”, díxome un día. Colleu a unha e retorceulle o pescozo. A galiña contorsionouse nun xeito imposíbel. “¿Queres ti facerllo á outra?”, preguntou cómplice. Fuxín horrorizado. Ela sorprendeuse.
IV. Guiso regulamentario de carne con patacas e chícharos os domingos. Eses chícharos debullados no alboio, collidos na leira. Na leira na que aparecían pantasmas da familia coma se tal cousa, de visita, mentres andabamos aos chícharos e ás patacas. Debullar chícharos é cousa de nenos e mulleres. Un tema serio, como dicía Nietzche: facer as cousas coa seriedade coa que xogabamos de nenos. Ela, por suposto, ríase. Ríase moito. Nunca a lembro anoxarse. En realidade, ninguén. Debullar os chícharos era o momento de falar de todo un pouco. Despois, se cadra, un iogur desnatado. Unhas xardas guisadas. Unha maragota que aínda chegaba do mar de abaixo. E risas. Estou convencido de que a ella lle debo o riso e os cachos de bo fígado que aínda me quedan.
V. Cando estaba soa traballando gustaba de cantar na copla. Sería unha gran cupletista. Un gramófono de clásicos de Conchita Piquer. Algunha bailamos baixo o limoeiro, cando a min xa non me daba vergoña bailar coa vella. Encantáballe Cantinflas. Débolle a primeira película no cinema, cando aínda baixaba ao Elma co seu home: El Patrullero 777, de Cantinflas. “¡Que modernos son en México”, pensei. O patrulleiro Mario Moreno parecía americano. Nunca renunciou á dignidade, á modernidade, a relación, á vida, á diversión, ao xogo, a coquetería. Poderavos parecer unha tontería, pero ¿cantas vellas e vellos non coñecedes que xa renunciaron ao xogo, á diversión, á risa? Lembro antolóxicas partidas de brisca, no que a mesiña baixo o limoeiro era como un ring e ela e máis Lola convertíanse en tafures sen ningún tipo de escrúpulo. Paseos lentos. A descuberta da auga do Pozo, ese manancial na que a pedra suaba a auga. Que prodixio! É curioso, agora que o penso: cantas cousas descubrimos no mundo collidos da man de alguén!
VI. Sabía o que quería, para agora e para despois. Tiña dous nichos familiares. “Cando ti morras”, dicíalle ao seu marido, “porque ti vas morrer antes, irás para o nicho húmido. Eu xa papei moito frío nesta vida”. O marido protestaba. Pero, por suposto, el acabou marchando para o nicho húmido. A historia cóntaa Leonardo da Jandra na súa Arousiada, poñendo a Valle Inclán de testemuña da discusión, tras contarlla eu. A ela enterrámola hoxe con máis chuvia da que lle tivera gustado. Ela escolleu o traxe que quería, e debíalle gustar moito, porque sae con el en todas as fotos de festas. Para dentro tamén foron as rosas que deixamos un a un, e os restos dos seus pais, encaixados a ela como un abrazo. No nicho bo, no soleado, por suposto. Co mal tempo, dentro tamén se lle meteu algo do revolto vento de Santo Amaro que baixaba pola Curota, pero seguro que lle fará un acocho coa súa bondade natural, e de seguido comezarán a falar. ¿E o sol? O sol lévao Carmen para dentro con ela.
Eu, pola miña conta, miro esa foto: son o único que aínda está desta volta do muro.












Fermosa elexía. Carmen estará sorrindo neste momento.
Seres que conforman a vida, que son a vida, que non morren nunca, porque aínda podes apalpa-lo seu corazón en cada lembranza.
Antolóxico.
Apertas.
Perdóame o atrevemento, pero a pesar de estar só comezando a coñecerte, creo que de seguro que ha estar orgullosa de ti.
preciosa despedida para algúen que quedará prendido para sempre do teu corazón .
unha forte aperta.
Aínda que o leve con ela, un pouco dese sol deixouno Carmen contigo.
Hai xente que non morre ata que ti morres, esa xente acompañanos sempre nesta viaxe que é a vida. Apertas.
Moitas grazas a todos e todas!
Bonito manolo,
cantas cousas das que pos aqui podería eu dicir, e supoño que outros moitos, dalguén noso que nos falta