Aquí van:
1. Un bo editor de vídeo open source. Doado. Sinxelo. Robusto. O mesmo que Audacity é para o son, ou Blender para o 3D, pero para videocasters.
2. Que se remate o tradutor galego-inglés encargado pola Dirección Xeral de Política Lingüística. Que funcione. Que non teña cousas raras, a saber: rexistrarte para poder usalo, que só traduza 500 caracteres dentro dun campo de texto, que só se poida usar dentro da Xunta, que meta cincuenta mil logos de institucións e empresas en marcos ao redor de cada tradución coma o do Cervantes, que non sexa unha “demo”, que teña un vocabulario mínimo de 10 ou 15.000 termos, etc. É dicir: que sexa como mínimo tan sinxelo e efectivo coma o de Google, e mesmo mellor. Debera poder enlazar directamente á tradución dunha páxina web, que tivera un formulario para avisar de fallos ou problemas de vocabulario e sintaxe, que se revise periodicamente para melloralo e amplialo, que sexa de código aberto -ou sexa, de todos- e non da empresa desenvolvedora, que inclúa corpus de linguaxe xornalística, comercial, tecnolóxica e cultural. E se o software non pode estar baixo licenza GPL/Creative Commons, que pertenza á Xunta.
3. Que Galicia teña moito código. No pé das páxinas do sitio web de Wordpress hai unha afirmación chea de verdade: Code is Poetry. O Código é Poesía. Reivindico a rexeneradora función cultural do código fonte. Os creadores hoxe xa non só crean produtos finais, como libros, poemas, fotos. A cultura hoxe tamén é deseñar contornos para a interacción e para o intercambio a través do ordenador. Auténticas pezas mestras da literatura informática. En Galicia fáltanos código. Moitísimo código. Precisamos deseñadores independentes que fagan mash-ups libres no seu tempo libre. Aplicacións para a vida que funcionen con creatividade, que interactúen cos nosos blogs e os enriquezan, e as enriquezamos. Precisamos escritores, poetas, fotógrafos, pensadores do código fonte. Que só estea Berto entre 2.800.000 paisanos ten delito.
4. Que as tarifas das operadoras de móbiles inclúan tarifa plana de acceso a Internet 3G por cinco euros ao mes, para poder bloguear desde a fin do mundo con toda a riqueza multimedia que os nosos móbiles posibilitan.
5. Que da blogosfera galega xurdan ideas e movementos que se expandan polo mundo. Así, por puro chauvinismo. Que demo!



Manuel Gago é xornalista e profesor universitario. 





{ 2 comments… Le abaixo ou engade o teu }
Acompaño os teus desexos/pedimentos.
O do traductor debería ser estratéxico, mais que Reganosa.
Ademais non entendo como non existe un Collins Galego-inglés. Se as editoriais non o fan que o faga a Xunta. Non sei que coño andan argallando no Ramon Piñeiro ou no ILG.
E no do Código tamén tes moita razón. Fanse pezas de software, é certo, pero non trascenden ao público, moitas veces simplemente non trascenden.
Na Consellería deberian tomar nota, e cos 200.ooo euros do Galicia-Camerún facer un traductor ou diccionario. Creo que chegaría o orzamento.
E no do Acceso, a cousa é mais que estratéxica, é vital. Mais que o AVE, mais que calquer outra cousa, fora da saude.
E falando de acceso, que todo o material que produce a Xunta sexa accesible, e de libre uso, que o pagamos todos. Que usen estandares abertos (para cando un servidor de diccionarios consultable desde calquera aplicación), e que non poñan o de “rexistrarse”. (ten coña que non sexan buscables por Google os textos medievais galegos do Ramon Piñeiro)
Sinto decir que non teño moita esperanza, pero penso seguir pedindo.
O problema do tradutor é un problema tamén da nosa visión do país: moi pouca xente ve relevante que, na nosa saída internacional, xunto cos vínculos emocionais que poidamos ter con Latinoamérica, nos esquencemos continuamente dos nosos veciños de continente. En Europa, a lingua de intercambio é o inglés. Pero a moi pouca xente lle apetece intercambiar.
Deixa un comentario