Un día de cólera, de Arturo Pérez Reverte: 24 horas de guerra urbana

25 Decembro, 2007

revolta.jpg
O 2 de maio de 1808 visto por Goya.

Este relato non é nin ficción nin Historia“. Así presenta Arturo Pérez-Reverte o seu último libro, Un día de cólera. A aparente paradoxa parece resumir o traballo do escritor, que ao longo de 400 páxinas debulla os fatídicos acontecementos do 2 de maio de 1808, nos que o pobo de Madrid se ergueu contra o exército napoleónico invasor que Bonaparte introducira na Península Ibérica coa excusa de invadir Portugal pero que, de facto, se fixera co poder sobre España. Reverte aplica técnicas case de reporteirismo para narrar 24 horas de intensa guerrilla e represión urbana en Madrid, no que incide e reitera o papel das clases populares no alzamento e a parálise das clases poderosas ao exército. Trátase dun relato coral, no que o autor cambia o foco sobre as rúas madrileñas en función de onde acontece a acción, aínda que algúns escenarios teñen unha maior presenza, como a defensa do cuartel de Monteleón, no que interviron os capitáns Daoiz e Velarde -os únicos cargos medios do Exército español que interviron na acción.

Aínda que Reverte redacta nunha linguaxe aséptica, a súa visión dos acontecementos esta ben próxima ás clases humildes que se levantaron contra o francés; o seu papel, pero sobre todo as ausencias de nomes, resumen a súa análise do papel colaboracionista xogado pola Igrexa e o Goberno, que permitiu a represión e non se sumou á revolta. Se cadra por iso, o libro estea inzado dos nomes e oficios dos protagonistas do levantamento: xastres, cordeleiros, augadores, criados, que fican consignados na narración. E no escritor advírtese esa perspectiva dual sobre a Guerra da Independencia: a liberación e a captura do país ao mesmo tempo. Fai plasmar esa incómoda dualidade a unha das súas personaxes: José Blanco White: “se debate entre dos sentimientos que serán el drama amargo de su generación: unirse a los enemigos del papa, de la Inquisición y de la familia real más vil y despreciable de Europa, o seguir la simple y recta línea de conducta que, dejando aparte lo demás, permite a un hombre honrado elegir entre un ejército extranjero y sus compatriotas naturales“.

E aí está exactamente a cuestión. Tenta poñerte no momento, a principios do XIX en Galicia. Chegan os franceses. En sintonía con eles, está xente coma o Marqués de Sargadelos, ou boa parte dos ilustrados galegos de finais do XVIII, profesores da Universidade, etc. Esencialmente, cren que os franceses rematarán cun poder escurantista e reaccionario. Contra eles, toda a caterva de monxes, fidalgos e curas enquistados nun sistema social inamovíbel, inxusto e inmobilista. Se apoias aos franceses, se cadra a palabra colaboracionista non teña todos os matices negativos que habitualmente se lle outorgan, pero… Tasmpouco é tan fácil dicir que a loita contra o francés foi exclusivamente instrumentalizada polos poderosos para que non perder a súa posición en Galicia. Aínda que os curas se atribuíron o mérito de convencer aos labregos para facer un alzamento popular, o certo é que a paisanaxe sabía ben que defendía: un sistema foral de xestión e propiedades de terras do que dependía a súa subsistencia e, como a Historia lle ensinara, sabía que os cambios podían ser contra eles, coma sempre neste país. O certo é que os labregos e os humildes mobilízanse contra o francés con todas as súas forzas. E houbo matanzas. Represión. Monforte saqueado con mil mortos civís. Corcubión ardendo. Outras vilas desfeitas. Violacións. Asasinatos. Homes aforcados nas portas dos cuarteis.

Difícil elección.

{ 4 comments… Le abaixo ou engade o teu }

1 Andrés Milleiro 25 Decembro 2007 at 9:27 pm

Hai un libro desa etapa en galego algo recomendado, “O sabre do francés”, de Miguel Anxo Fernández”…

Unha aperta

2 magago 25 Decembro 2007 at 10:05 pm

Si, heino de ler en breve porque o libro de Reverte chamoume a atención sobre a época. O certo é que os relatos de Miguel Anxo Fernández son un curioso fenómeno illado porque a Guerra da Independencia foi moi pouco abordada pola literatura neste país, por causas que non me acabo de explicar. E iso que temos moitísima documentación, descricións vivísimas, historias e anécdotas, acción, os lugares dos feitos…

Lembro que Víctor Viana, un pediatra de Vilagarcía afeccionado á historia, deixoume hai anos un mecanoscrito no que se falaba de como Vilagarcía de Arousa foi a segunda vila no Estado en levantarse contra o francés (0 13 de maio) despois de Madrid e como sucederon os feitos. Non me acordo dos detalles, pero non daba crédito a que todo iso ocorrera alí, nesas mesmas rúas. E todos tiñan nomes, apelidos, horas, baionetas…

3 Xavier 26 Decembro 2007 at 12:47 am

Pois na Limia os paisanos tentaron frear os franceses na ponte do cruce da lagoa de Antela sendo masacrados en campo aberto (na Limia non hai moito onde achantarse nin agora nin antes). Logo, en Xinzo de Limia, meteron os feridos da batalla, cabalos, etc., nunha casa e prantaronlle lume…

4 Andrés Milleiro 26 Decembro 2007 at 11:47 am

O libro de Miguel Anxo está ben pois narra os feitos tal como foron, sen escatimar demasiados detais…e así foi como foi, loitando casa a casa, especialmente nos outeiros dos nosos pobos…

Deixa un comentario

Podes usar estes HTML tags e atributos: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>