Misterios subterráneos e lendas no mosteiro de Lobás

moslobas_1.jpg

moslobas_2.jpg

O mosteiro de Lobás, no Carballiño, é outra das ruínas monásticas que permanecen no país. Habitado por monxes e monxas da Idade Media, é un auténtico saco de lendas. A igrexa monacal, en gran estado de abandono -aínda que, coma todo o conxunto, por fin en vías de recuperación-, e un gran edificio prioral inzado de silveiras no medio da aldea de Mosteiro son os principais restos monásticos do lugar. Pegado ao conxunto, a non máis de cen metros, está o Coto do Mosteiro, un impresionante castro con ciclópeas murallas de pedra e unha complexa estrutura, que xace agora abandonado entre a frouma ata o punto de facelo case inaccesíbel.

Castro e cristianismo. Espazo relixioso, espazo antigo. A min lembroume moito a Santa Mariña de Augas Santas, na súa xeografía mítica e en determinadas referencias que agora veredes. Tivemos a sorte de que dous veciños da aldea ficaron connosco durante toda a visita, recuperando da súa memoria acontecementos vividos naquel mosteiro ¡nos últimos dous séculos! Xesús o Rexo conduciu a viaxe. Alí -sinalou no carrizo da campa- está a miña bisavoa. Alá, naquel valado, o meu avó, con outros da aldea, mentres arranxaban os muros do valado da igrexa, atoparon un cabaleiro de pedra que o cura mandou tapar rapidamente. E aquí, moveuse á outra banda do camposanto, aquí desenterraron a un morto de noite para roubarlle o ouro co que o soterraran. A igrexa -unha igrexa medieval que sufríu unha profunda remodelación no XVI, cunha porta que leva a ningures na fachada, pola que antes debeu cruzar unha pasaxe para pasar ao mosteiro-, aínda ten toda a cal coa que a recubriron na mortífera peste de principios do XX.

moslobas_3.jpg

Dentro hai restos de frescos.

-E mirade a ambos lados do altar -díxonos pillo Xesús.

A ámbalas dúas bandas do altar había isto:

moslobas_4.jpg

Si, o que vedes, dous accesos a unha cripta, tapados e tapiados -se cadra durante a reforma da igrexa no XVI. Na memoria popular, tamén crían que había outro ao lado dese arco gótico lateral da porta vermella, que baixaba. A onde? Na Idade Media, as criptas construíanse por motivos arquitectónicos -salvar un desnivel, como na Catedral de Santiago ou en Carboeiro-, ou para custodiar reliquias. Na igrexa de Lobás non hai desniveis…

Hoxe non se pode acceder a ese misterioso lugar. Se cadra o cubriran na remodelación do XVI, ou se cadra aínda esté oco aí dentro… O estraño misterio de Lobás. Como en Santa Mariña de Augas Santas, en Allariz, hai unha cripta ao carón dun castro. E dunhas supostas fontes termais.

-Dicían os nosos vellos que os monxes taparon as fontes de auga calda porque a xente lle saltaba para meterse nelas.

Co vivo Xesús o Rexo metímonos como pudemos entre as silveiras do mosteiro. Soubemos da pingueira da Inquisición. De onde estaba a biblioteca, da que el chegou a ver os andeis. Da escola que houbo na posguerra. Do furado para observar na torre que custodiaba as riquezas do mosteiro. Das loitas sanguentas entre parroquias e as fuxidas da Garda Civil. Ao final, Xesús agasallounos cun relato dos mouros do veciño Coto, dos que a min máis me gustan: os que especulan nas relacións de veciñanza nas aldeas galegas entre seres humanos e seres míticos. Pero como poderás escoitar no audio (que ilustrei con imaxes), a nós tamén nos gusta especular coa natureza de tales relacións.

3 Comments

  1. 19 / Decembro/ 2007

    Coido que estou enganchado a estas reportaxes de Indiana Jones galego…maldita sexa!

    :)

  2. jluispereiraarias@hotmail.com
    11 / Abril/ 2008

    quisiera tener mas informacion sobre el pueblo de mosteiro y de su iglesia santa uxia de lobas,me gustaria conseguir un mapa del pueblo ,,conocer mas a sus habitantes ya que mis abuelos vivieron ahi perfecto pereira vazquez y concepcion moleiro gonzalez,,mi padre se llamaba delio pereira moleiro y quisiera conocer amigos de mi abuelo o familiares que esten en contacto con mosteiro ,,desde ya muchas gracias y espero contactar con gente de mosteiro,,,,mi nombre es jose luis pereira arias mi num de tel es 0054 11 46575466 vivo en bs as argentina ,,espero se contacten …

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará