Práctica de “Castring” nos montes do Irixo

16 Decembro, 2007

Xa che teño aquí falado da práctica do “castring”. Basicamente, consiste en comezar a visita a un castro que non coñeces, e do que non dispós de documentación. Guíaste por toponimia, por orografía e por falar cos paisanos. E así, a través de conversas nas aldeas, mapas e observación do territorio, vas empalmando acrópoles da Idade do Ferro sen rubor. Iso é algo que eu creo que se pode facer en Galicia e en poucos sitios máis.

Hoxe comezamos no Castro Dozón. O Castro está escondido na ladeira dunha montaña, e cae contra un lado, ata a aldea actual do Castro. Os lugareños cercenaron a parte de abaixo do foxo, pero segue sendo un espazo impoñente. De alí, comezamos a caer ata o Irixo, e chegamos ao Castro de San Cosme. Un lugar fascinante. É a primeira vez que nos atopamos unha aldea actual vivindo dentro dun castro. Non me refiro ao lugar no que houbo un castro pero xa non está, non. Refírome a que as casas están dentro dos muros do castro, que mantén o seu foxo e os seus terrapléns. Creme, alí está e aínda vive unha familia, nesa aldea en ruínas. Seguimos baixando polo Irixo (neste concello ou se sube ou se baixa), e logo ascendimos en dirección Sidre, e ao ascender atopamos outra fortaleza, nun destacado lugar de observación sobre o val. Un recinto estraño, na alta montaña, entre laxes de xisto, con muretes que forman divisións nas coviñas que forma a pedra. Un xacemento difícil de clasificar, máis antigo que o castrexo clásico, desde logo. Continuamos buscando outros castros que non atopamos, ata chegarmos pola tarde ao Coto do Mosteiro, en San Xurxo de Lobás, no Carballiño. Atrás quedaban importantes castros que quedarán para outra ocasión, coma o de Souteliño ou o de Santiso.

Aquí che pego o mapa de localización dos xacementos.


Ver mapa más grande

{ 0 comments… engade o teu agora }

Deixa un comentario

Podes usar estes HTML tags e atributos: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>