


Jonathan Harris, ese crack da creatividade web que inventara aquel marabilloso We Feel Fine do que xa falamos por aquí, acaba de publicar algo fantástico: The Whale Hunt. Como xa fixera Flaherty no seu momento, ao inaugurar con Nanuk o esquimal o cinema documental en 1922, Harris consegue crear un novo xénero narrativo e documental que xa se escapa das nosas concepcións. Porque The Whale Hunt é unha interfaz plástica a unha colección de máis de 3.000 fotografías que van narrando a caza tradicional da balea polos inuit de Alaska. Cada fotografía está clasificada por temas, por protagonistas, por contextos e pola cadencia do ritmo do acción que conta. E o usuario filtra a historia segundo os seus intereses, premendo na balea superior. O máis fascinante é que ese documental -aparentemente unha secuencia cronolóxica que narra a viaxe de Harris a Alaska e a captura da balea-, así filtrado e desbrozado por categorías, como un banco de datos, segue a ter un sentido tralas alteracións na liña do tempo convencional feita polos usuarios. Unha auténtica pasada.


Manuel Gago é xornalista e profesor universitario. 





{ 2 comments… Le abaixo ou engade o teu }
Un deseño marabilloso, sempre me lio algo cos flash pero este é moi navegable tanto que un síntese un moderno capitán Ajab obsesionado con esta particular Moby Dick. Non sei se é por esta visita pero desexo con especial intensidade unhas vacacións no xeo e na neve.
Efectivamente, Suso, Jonathan Harris con 28 anos é un auténtico mestre das interfaces intuitivas. Moitas das solucións de navegación de The Whale Hunt proceden de cousas que desenvolvera nos seus traballos previos, e que refinou para aquí.
Este rapaz vai dar moitísimo que falar.
Deixa un comentario