Caza e chamáns na montaña de Tourón

30 Novembro, 2007

touron_1.jpg
Punto de partida do itinerario polo conxunto arqueolóxico de Tourón. Fotos: Sole

Cando aparcamos o coche na explanada inferior do complexo arqueolóxico da parroquia de Tourón, en Ponte Caldelas (Pontevedra), sen ter nin idea do que nos agardaba, apareceron un home coa súa filla de sete anos, subindo a valgada dun río cun cesto baleiro de setas.

-Nada, nin unha atopamos -díxonos.
-¿E logo que hai por aquí? -preguntámoslle.
-Uns petroglifos, disque, eu nunca estiven, só naquel de aquelas árbores -comentounos o home.

A meniña levantou un dedo como na clase.
-Eu si sei o que hai. Petroglifos. Alí e alí e alí e alí tamén.
-Ai, e viñeches co colexio? -preguntoulle o pai sorprendido.

A meniña sinalou puntos separados repartidos por unha rochosa aba dunha montaña que parecera ser deforestada. Ao amosalos, distinguimos uns postes vermellos repartidos ao longo da ladeira da montaña.

-Nese hai cerviños e naquel hai homes e neste espirais -continou a nena.

Non puiden evitar ser ago malo. Mirei para aquel pai que nin se interesara polo lugar (e, por suposto, en amosalo á súa filla) e lle comentei como quen non quere a cousa:

-Que marabilla que as novas xeracións vaian sabendo máis que nós, non é? Menos mal que están as escolas.

Ao pai debeulle dar un ataque de arrepentimento súbito e non lle gustou moito o meu comentario. Colleu á nena da man:

-Veña, neniña, imos subir a ver que é iso.

¿Que era iso? Máis ben, que non era. Nunca nas andainas por Galicia me sentira tan felizmente sorprendido cun proxecto de recuperación do patrimonio. Porque a comunidade de montes de Tourón cedera, preservando con xustiza e tino os seus dereitos comunais sobre as terras e os cursos de auga, toda unha ladeira da pedregosa montaña que lle dá sombra á parroquia, para que todo o mundo puidera ver o tesouro agochado entre toxos, eucaliptos e frouma. Un proxecto do concello de Ponte Caldelas financiado pola Xunta e o Plan PRODER estase a centrar en facer visible, visitable e comprensible esa valiosa paisaxe cultural.

Alí se poden ver uns espectaculares conxuntos de petroglifos que constitúen todo un dinámico conxunto narrativo sobre a vida do home da Prehistoria e a súa relación coa natureza. Unha auténtica paisaxe cultural. Porque nas pedras de Tourón están tatuadas escenas de caza, mandas de cervos berreando, homes cabalgando e mesmo algunha figura que lembra a representación dos chamáns ou dos bruxos. Varios dos conxuntos revisten gran parte das pedras con círculos, rectas que comunican espirais, auténticas neuronas de granito.

touron_2.jpg

touron_4.jpg

touron_5.jpg

Os técnicos deforestaron de eucalipto toda unha ladeira, aproveitaron os camiños previos para trazar un itinerario circular que permite ir visitando as estacións, e envolven as pedras con plataformas de madeira e marcos de interpretación que facilitan a contemplación gravados, atopalos nesa gran área e, ao mesmo tempo, non machacar o chan que rodea a estación. As estacións están localizadas con postes vermellos que fan doada a ubicación da ruta na distancia.

touron_1_2.jpg

O que lemos na pedra, eses animais urrando, correndo, movéndose en manda, se cadra foron observados neste lugar por os artistas que os representaron nas pedras. Xogando entre os tempos e os motivos artísticos, sutilmente os deseñadores do complexo insertaron unha pequena manda de cervos de ferro, a tamaño natural, próximos a un curso de auga, e que dialogan perfectamente coas imaxes que estás a ver.

touron_6.jpg

…e nós observámolas case con visión cazadora. A magnífica laxe que está na zona alta do complexo descúbrenos a un home -ten un enorme pene, coma os bruxos ou cazadores doutras pedras do complexo- asexando, armado, nun lateral da escena -seguro que agochado entre xestas ou buxos-, as ducias de cervos que o artista representou ao longo dunha gran laxe, con baixorrelevos de astas que se funden na pedra como rabuñazos. E estas pedras, no solpor, parecen estar vivas e animadas, parecen cheirar a suor animal e humano, a stress antes dunha carreira e unha lanza, a caras pintadas e bruxos que voan, músculos tensos, silencio que acocha o drama da morte e da supervivencia. Pareceume unha instantánea dunha escea, cotián e excepcional ao mesmo tempo, que acontecera, no mesmo lugar, hai catro mil anos. Temos o privilexio de que o granito do noso país contén o negativo fotográfico da historia. Está aí e non o sabemos apreciar.

touron_7.jpg

Os arqueólogos atoparon un poboado na zona inferior do complexo, aínda en excavación. Pero como con unha boa parte dos xacementos arqueolóxicos, Tourón segue vivo e dando sorpresas. Localizáronse 30 petroglifos máis, vintenove fóra da área valada do Complexo Arqueolóxico, pouco despois de inaugurarse.

Localización do complexo:


Visualizar o mapa ampliado

Hoxe percorrer os máis significativos conxuntos de Tourón é unha realidade, un enorme tesouro da comunidade aldeá que por sorte podemos visitar todos. Ao ver a magnífica posta en valor do conxunto, ocórreseme unha idea que paso a expoñer nos comentarios do post.

.

{ 21 comments… Le abaixo ou engade o teu }

1 magago 30 Novembro 2007 at 7:49 pm

A miña idea é a seguinte:

Xúntese aos veciños da parroquia de Tourón en Ponte Caldelas.

Tráianse aos concelleiros de cultura/alcaldes máis túzaros en cuestións de Patrimonio de Galicia (haberá máis de douscentos?).

Que os veciños de Tourón agarren pola orella esquerda aos concelleiros de Cultura e que os paseen a paso rápido sen soltarlla por todo o complexo ata o petroglifo que está na zona máis alta da montaña.

Cando cheguen arriba, bérrenlle dentro da orella: “¿É posíbel ou non, paspán?“.

Invítese logo aos Concelleiros de Cultura a cañas no bar da aldea para que non leven mala impresión de Ponte Caldelas.

2 magago 30 Novembro 2007 at 7:53 pm

Nota importante: o de falar de chamáns ou bruxos é unha licenza literaria. Hai unha figura interesantísima nunha pedra de Tourón, desgrazadamente imposíbel de sacar ben nunha foto, e que representa un motivo bastante curioso: un home con enormes mans ou alas con plumas, e unha cabeza cunha aureola ao redor e un gran falo. Son motivos recurrentes nas representacións prehistóricas de bruxos, pero eu non son especialista, e supoño que os expertos poderán opinar mellor ao respecto.

3 Ricardo 30 Novembro 2007 at 8:13 pm

Supoño que é en Ponte-Caldelas, non? É que se collo o coche camiño de Castro Caldelas vou rematar moi lonxe do desexado… (é broma, só qu escrebeches un par de veces “Castro” en vez de “Ponte”). Outro lugar que anotar para visita fotográfica… a axenda comeza a estar moi chea…

4 magago 30 Novembro 2007 at 8:19 pm

Glubs! É certo, vaia lapsus, xa está modificado e correcto. Podíache mandar ao quinto piñeiro.

A min xa me ten pasado. Tiñamos que ir a Castro de Rei, e acabamos no Castro de Rei de Lemos, no canto do Castro de Rei da Terra Cha. Unhas ducias de quilómetros de nada…

5 paideleo 1 Decembro 2007 at 2:16 pm

Fermosa idea.

6 Xavier 1 Decembro 2007 at 5:41 pm

Moi interesante!

7 matematicaspaladaryfogones 1 Decembro 2007 at 6:00 pm

No sabía que hubiese petroglifos en esa zona y lo realmente maravilloso, es que en los colegios, eduquen a los niños en el conocimiento de las riquezas gallegas. En mi época, ni se nombraban.
Todo un cambio en beneficio de Galicia.
Gente como tu, debería haber mas p0r el munco.
Difundir la cultura gallega, nuestros “tesorsos”, debería ser obligado en todos los colegios, pero ya se sabe…
Nosotros, contamos con “Capitulo 0″, para que nos vaya informando de todo lo que deberíamos saber y aún no sabemos.
Como siempre:
Gracias.

8 matematicaspaladaryfogones 1 Decembro 2007 at 6:01 pm

No sabía que hubiese petroglifos en esa zona y lo realmente maravilloso, es que en los colegios, eduquen a los niños en el conocimiento de las riquezas gallegas. En mi época, ni se nombraban.
Todo un cambio en beneficio de Galicia.
Gente como tu, debería haber mas p0r el mundo.
Difundir la cultura gallega, nuestros “tesorsos”, debería ser obligado en todos los colegios, pero ya se sabe…
Nosotros, contamos con “Capitulo 0″, para que nos vaya informando de todo lo que deberíamos saber y aún no sabemos.
Como siempre:
Gracias.

9 matematicaspaladaryfogones 1 Decembro 2007 at 6:03 pm

Perdón. Repetí sin darme cuenta.

10 magago 2 Decembro 2007 at 12:34 am

Elena, toda esa zona é un auténtico museo ao aire libre de petroglifos. Alégrome de que che resulte interesante!

11 An 5 Decembro 2007 at 4:03 pm

interesantisima Ruta :) un saudo

12 gourmetdeprovincias 6 Decembro 2007 at 11:06 pm

Os últimos comments non mos aceptou, así que non vou escribir moito (para variar).

Como sabes, a hipótese do chamanismo está moi de moda desde mediados dos 90. Por unha vez (xa me coñeces) son dos que lle da bastante crédito, aínda que con reservas. Mágoa non ver esa imaxe que comentas.

13 magago 7 Decembro 2007 at 12:56 am

Gourmet, creo que podo solucionar ese problema, tirando e estirando dunha impresión que estaba nunha esquina dunha foto do centro de interpretación. Aínda que a imaxe q vas ver está distorsionada para facilitar a visión, máis o u menos é así.

:-)

14 r.r. 11 Decembro 2007 at 10:43 pm

Impresionante. Precioso (como o conta, axuda). Qué gañas de ir aló.

Eu cada vez que entro neste bló saio con ganas de comer, de viaxar… Qué perigo

Saúdos.

15 Xaime ... 7 Xaneiro 2008 at 9:38 pm

En ese mismo pobo, Touron, hai indicios de un castro da epoca dos petroglifos, mais ou menos …..

16 magago 7 Xaneiro 2008 at 10:36 pm

Si, Xaime, creo que se chama a Cidá ou a Cividade, non?

17 Xaime ... 10 Xaneiro 2008 at 1:13 am

Si, e a Cidade. Vexo que estas moi posto en este tema. Non seras dos arredores…????
Tes mais informacion sobre os petroglifos de Touron…????

Saudos………………

18 magago 10 Xaneiro 2008 at 9:12 am

Lamentablemente teño moi pouca información científica, pero seguramente hai algunhas publicacións e artigos en revistas científicas sobre eles.

A verdade é que coñecín os petroglifos de Touron por casualidade, porque eu son do Barbanza. Ía pola estrada de Castro Caldelas, camiño da Lama, e vin un indicador cara o “complexo arqueolóxico de Tourón”….e aí comezou a historia. Unha mágoa que non sexa máis coñecido fóra: paga moito a pena.

19 Xaime ... 28 Xaneiro 2008 at 1:05 am

Me alegro de que gostaran.
Hay que ter en conta, que o parque arqueoloxico leva como tal, soio un ano, aprosimadamente. Ademais agora o concello vai a facer visitas guiadas.

Saudos ………………

20 xerardo 29 Febreiro 2008 at 3:19 pm

Eu son un aficionado e gústame o tema, coñecía os petroglifos antes da súa posta en valor, soio agardo que o Concello, xa que o parque foi traspasado en canto a limpeza, mantemento e persoal ao Concello de Ponte Caldelas o cuide. Lamentablemente xa están a medrar eucaliptos especie atemporal coa realización dos gravados. exist eunha publicación pequena pero moi xeitosa para comprender ou iniciarse no grupo galego da arte rupestre este libro é Os petroglifos galegos, da Editorial a Nosa Terra de Antonio de la Peña Santos. na súa portada aparece o Coto das sombriñas que é a estación do grna cervo valeirado.

21 ar 2 Xuño 2008 at 10:40 am

esta moi ben osdos petoglifos

Deixa un comentario

Podes usar estes HTML tags e atributos: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>