


Fotos: Sole
Por suposto, o cemiterio de César Portela aínda non está na fase de deterioro material que poderiamos considerar ruína, pero a xungla vexetal que o vai envolvendo convérteo no paradoxo estraño de ser o primeiro cadáver da arquitectura contemporánea en Galicia, condenado á súa desaparición ao non consumarse nunca a súa función: soterrar aos veciños de Fisterra diante do proceloso Océano. Non é exactamente ruína, xa que logo, pero comparte coas ruínas de mosteiros e outros edificios o abandono, a desaparición da función e a súa orfandade cultural, a súa separación da vida cotiá da xente.
César Portela levantou estes cubos que se pousan sobre a ladeira do promontorio fisterrá, a un quilómetro ou así do faro da fin do mundo, cunha fermosa disposición. Son como eses bloques de granito que o tempo foi desprendendo e facendo caer polas abas dos montes galegos. No cemiterio de Portela ficaron ubicados a media ladeira. Os toxos, as xestas, a vexetación, devoran estes cubos que ningún veciño en vida da vila mariñeira quixo ocupar cando morto, son unha gran testemuña sobre as difíciles relacións entre arquitectura contemporánea, funcionalidade e usos culturais. O cemiterio é fermoso, na miña vista, pero se cadra non o sexa tanto para moitos veciños, que se cadra non sintan o mesmo tipo de hierofanías orgásmicas na contemplación do mar aberto que os urbanitas. O cemiterio non é un lugar excepcional, na nosa sociedade, senón un lugar habitual. Un lugar ao que se acude con moita frecuencia. O fracaso funcional do cemiterio do Cabo Fisterra é un enorme relato moderno sobre como se concibe, se crea, se xestiona e se usa a arquitectura, da relación entre función e estética, entre simbolismo e espazos simbólicos e sagrados.
Fixen un pequeno vídeo para probar as capacidades do Nokia N95 como videocámara. Meto unha boa gralla: ao arquitecto César Portela confúndoo tranquilamente co guionista de banda deseñada Carlos Portela. Cousas do directo. Vale, como moito, para ver que dá de si a videocámara incorporada deste terminal en condicións de pouca luz e alto contraste -ou sexa, en condicións chungas-. E veredes que non está nada mal.



Manuel Gago é xornalista e profesor universitario. 





{ 14 comments… Le abaixo ou engade o teu }
Esta ruina lémbrame a ruina do centro de interpretación das gándaras de Budiño no Porriño que está abandonado antes de rematalo.
Esperemos que non sexa tamén ese o destino da cidade da cultura en Santiago.
Simplemente ignorancia. Prepotencia e ignorancia.
Se o “ideota” que tivo a idea se lle ocurrese preguntar a un antropologo/etnógrafo ou mellor, aos viciños a cousa tería ido moito mellor.
1. Ir andando ao cimeterio desde Fisterra en tempo de choiva é como mínimo “complicado”.
2. Un cemiterio sen lindes e porta non é un cimeterio.
E poderíase seguir….
Simplemente ignorancia. Prepotencia e ignorancia.
Se o “ideota” que tivo a idea se lle ocurrese preguntar a un antropologo/etnógrafo, ou mellor aos viciños, a cousa tería ido moito mellor.
1. Ir andando ao cimeterio desde Fisterra en tempo de choiva é como mínimo “complicado”.
2. Un cemiterio sen lindes e porta non é un cimeterio.
E poderíase seguir….
Non é a primeira vez que lle pasa algo así a Portela. Nos 80 fixo un acuario na praia de A Compostela, en Vilagarcía, que quedou a medio rematar. No ano 200o retomouse o edificio como oficina de turismo, pero agora non sei se se usa ou non.
P.S. Vémonos nunha semana!
Pois si, a min tamén me parece un bó sitio para acollé-la eternidade.
Eu falara con xente de alí e ninguén quere ir soterrar un familiar nese cemiterio. Primeiro, porque como ben di Silenciario, o acceso é complicadísimo e cando peta o aire é mesmo perigoso. Ademais, queda demasiado afastado e dicían que era moi frío, no senso de acolledor. Iso só pode entenderse tendo presente a cultura da morte de quen día si día tamén vai aos percebes sen saber se volverá á noite. A primeira vez que fun a un cemiterio costeiro foi ao de Camariñas. Quedara impresionada co bonito que era, cheo de cunchas que decoraban as paredes, era un sitio alegre e ironicamente cheo de vida, de mulleres que un día da semana pasaban render visita á familia.
Niso fallou, creo eu, o proxecto de César Portela. A xente non ve outra cousa que uns cubos desapracíbeis no medio dun monte.
Si, Xesús, a errática vida do Acuario de Vilagarcía aínda tivo un final máis ou menos digno: é o Centro de Interpretación da Ría de Arousa.
Eu teño que dicir que o lugar me parece moi fermoso, pero claramente eu non son un usuario de cemiterios. Eu creo que é un cemiterio para “os mortos” e non para “os vivos”.
Quero dicir, que é un lugar no que un querería estar soterrado, pero que lle fas unha puñeta considerable se os que están vivos gustan de ir de cando vez a visitarte. Pero tamén penso que á xente que lle gusta o lugar, se cadra prefira que a incineren e a tiren un pouco máis abaixo, na rompente do mar.
Eliana dá a clave cando di que os veciños vían o lugar como “frío”. Hai unha diferencia moi clara entre a estética contemporánea (no que estes proxectos son posíbeis) e a estética tradicional, e neste cemiterio que busca unha función tan próxima á nosa vida é onde se aprecia. A min do lugar gústame que non está, aparentemente, demasiado humanizado; gústame que os cubos son só un salto na paisaxe, o salto máis pequeno posíbel dentro das normas legais actuais de enterramento de corpos; na cultura máis tradicional, o lugar pouco humanizado é un lugar inhóspito ou salvaxe, illado e, xa que logo, frío, porque non hai relación co resto da sociedade. Por iso nas vilas mariñeiras os paseos marítimos atroces que rompen a natureza da costa dan moitos votos: porque “humanizan”. Agora ben, que quede claro que non minusvaloro a estética tradicional, na que fermosísimos espazos foron e son posíbeis. Simplemente, tento amosar a súa lóxica básica. Tampouco creo que haxa que dicir que “se es moderno, tenche que gustar”. Para nada. O problema é outro. A relación entre arquitecto e destinatario, cliente.
En que sociedade pensaba o arquitecto? En que usuarios? En que clientes? Iso é o que me intriga.
Coido co arquitecto-artista esqueceuse dos usuarios, dos clientes, etc., el ia facer do seu proxecto unha obra inmortal, que fora motivo de ademiración das xeracións vindeiras… Do outro tipo de arquitecto, o máis común, o arquitecto todo-che-me-vale (o cliente é o manda), temos exemplos de sobra na costa galega…
Non sei se será unha lenda rural, pero téñenme contado do caso dalgún turista que regresa de ver o faro e que preguntan na vila polo aluguer “de esos apartamentos tan bonitos y con esa vista maravillosa”. No fondo, non está tan lonxe de cando nun núcleo de poboación onde hai unha casa de arquitectura contemporánea os veciños refírense a ela de xeito invariable como “o ambulatorio”. Alégrome do do acuario, aínda que as ruínas tamén teñen o seu punto…
É un lugar fermoso, especialmente para nos, os urbanitas (ou periurbanitas), pero non é un lugar práctico para a viuva que vai andando a rezarlle ó home en inverno. E iso, nin máis nin menos, tara a funcionalidade.
Os proxectos que quedan ben no plano, na foto ou na conferencia están ben para iso, para planos, fotos e conferencias pero ¿Cando non funcionan na plasmación real? Cando a arquitectura é só estéticas algo falla. A Arquitectura ten que ser, antes de nada, funcional, ter un uso, cubrir unha necesidade. E si o fai estéticamente, tanto mellor, pero cando o primeiro falla…
Lamentablemente non é un caso illado. Pensemos en edificios sin uso ou que o cumplen deficitariamente, ou nos que tiveron un uso a posteriori en Galicia: Museo do Mar, Auditorio do Monte do Gozo, Capela do Monte do Gozo, Museo Verbum, Centro de Interpretación do Ecosistema Litoral (Praia do Vilar), Conxunto da illa de San Simón… ¿Cidade da Cultura?
Igual había que replantearse os criterios que están a rexir a edificación na Galicia actual.
Se me contan que son plataformas da Otan ainda ben o creo. ¡E xa é sorte porque estaba a precisar unha imaxe coma esta para falar dunha historieta na que os nenos nascen en colmenas pero son alimentados por moscas!
[Se non se poden coller as fotos deixenme un non eiquí mesmo. Grazas.]
Un cementerio como dios manda es un cementerio romántico, con sus cruces caídas, sus ángelotes modernistas, sus helechos, sus flores marchitas y con las señoras y sus flores con la regadera, y las mejillas llenas de lágrimas.
Un contenedor no es un cementerio. ¿Qué carallo es “eso” de las fotos? Parecen contenedores cagados por cibergaviotas.
Puaj!!! los arquitectos tienen menos gusto…y mira que estudian, eh? Pero el gusto…difícil, hombre. Difícil.
Bonito video amigo, el cementerio sin habitantes parece un sitio bonito dónde ser visitado.
Salud
Deixa un comentario