
Gráfico 3D do macizo do Catoute en Google Earth

Fotos: Iago e Manolo
Eu creo que todos temos unha mitoloxía persoal. Unha serie de normas sen razón que aspiramos a respectar e cumprir. Hai dous anos faleiche da miña frustrada experiencia no pico Catoute, no Bierzo. A falta de equipamento levounos a abandonar a medio camiño, cando a altura da neve xa superaba o metro e facía moi imprudente a subida á montaña. Desde aquela, souben que debía rematar o que comezara.
Así que esta fin de semana conseguimos pechar o capítulo. Subimos ao Pico Catoute, no Bierzo, no concello de Igüeña. 2117 metros de altura. Foi o terceiro cumio conseguido no noso Proxecto Dous Miles e, en realidade, o primeiro de verdá. É dicir, o primeiro que supera realmente eses dous mil metros. A subida é algo dura, pero fascinante, porque a diferencia dos picos anteriores, estas son extensións e lugares totalmente inhóspitos. Non hai camiños. Non hai máis resto de actividade humana que os montañeiros. E topografías voluptuosas de crestas, de montañas. Estamos ao sur da Montaña Leonesa, na Serra de Gistreo.
A última aldea que queda atrás, Colinas del Campo de Martín Moro Toledano, é un lugar ben conservado de casas montañesas de ensoño. Unha destas aldeas nas que esperas que anoiteza para ver como se transforman nun Belén infantil, e nos que agardas que faga frío para entrar na cantina, sentar ao carón do braseiro, e coller unha cunca de caldo entre as mans despois da ascensión, e logo deitarse nunha cama enorme arroupado en mantas pesadas. Estou namorado deste lugar sobrecolledor. A estas montañas, o mal clima deste ano rouboulles a neve, pero regalounos a cambio unha sinfonía de cores outonais e un pantone espectacular de xeoloxías e pedreiras glaciares.





Ascéndese por un circo glaciar, que se vai estreitando, entre vales cada vez máis profundos, desolados, silenciosos.


Un pequeno alto no camiño. ¿Queres facer un alto e mirar ao teu redor?
Aos dous mil metros, o cordal dos grandes montes semella unha duna de area.


E, ao coroarmos o cumio, apreciamos as caixiñas metálicas que protexen as boas palabras dos montañeiros que chegamos ata este lugar, e deixamos as nosas, e unha referencia ao Proxecto Dous Miles tamén consignada. A enorme vista lévanos ata as chairas da meseta castelá, que se abren ao fondo, e pola outra banda, ás montañas agrestes da cordilleira cantábrica, que desde aquí tratamos de ti a ti.

Non moita xente coñece este tesouro orográfico nin este contorno, situado a penas a trinta ou corenta minutos de Ponferrada. Pero se tiverades que escoller un lugar para sorprender, andar, comer, ben podería ser esta sucesión de fríos desfiladeiros nos que os veciños de Colinas del Campo aínda fotografían ao oso. Eu xa vos aseguro que, se neva este inverno, volveremos ao Catoute, a probarnos sobre as brancas alfombras bercianas.
Notas prácticas:
Outra ascensión ao Catoute
Outros picos do Proxecto Dous Miles



Manuel Gago é xornalista e profesor universitario. 





{ 0 comments… engade o teu agora }
Deixa un comentario