Se o concello de Porto do Son tivera a metade de preocupación en coidar o seu patrimonio que en conceder esas licencias urbanísticas que van a machacar o potencial turístico e económico do seu privilexiado litoral, non se tolerarían barbaridades como esta.
Estamos no castro de Porto Nadelas, na parroquia de Queiruga. Non é un lugar calquera: fortemente vinculado ao folclore local, e situado entre os asentamentos tamén castrexos de Baroña e a Illa do Mar, Porto Nadelas é un fermoso lugar. O antigo poboado está rodeado de acantilados mariños por tres dos seus catro lados, e o tempo cubriu as súas ruínas con area; baixo ela, percíbense estruturas pétreas. O lado que cingue o castro coa terra está protexido por unha elevada muralla de pedra, que agora parece unha duna da que asoman os restos dos muros na súa cresta. Da outra banda, foron aparecendo casas. E, precisamente por este lado, un tremendo garrulo -outro nome non ten-, construiu por riba ese horroroso muro de bloques de cemento, que gabea pola muralla arriba desfacéndoa sen ningún tipo de rubor.

Todo isto, por suposto, baixo a tolerancia das autoridades municipais e autonómicas. Cando este muro foi feito, xa existía toda a lexislación de patrimonio actual en Galicia e no Estado. Non actuar sobre isto, consentir isto, fai ás autoridades cómplices destes atentados delictivos contra o leigado dos nosos devanceiros. E falo moi en serio.



Manuel Gago é xornalista e profesor universitario. 





{ 4 comments… Le abaixo ou engade o teu }
Só dúas puntualizacións:
O muro en cuestión é anterior á Lei de Patrimonio Cultural de Galicia (1995) o que non o exime de ser unha barbaridade, pero con máis dunha década cambia a perspectiva.
O Concello do Son tivo durante 12 anos un alcalde que, pouco a pouco, foi deixándose cegar polo urbanismo salvaxe e que pasou de ir él persoalmente a fotografar os novos xacementos (alá por finais dos 90) a suprimir toda a actividade arqueolóxica ou patrimonial, mesmo a que xa estaba en proxecto. Falo de Ramón Quintáns, do PSOE.
Tanto é asi, que a representante do BNG no concello decidíu non pactar con él nas últimas eleccións, o que propiciou un cambio de goberno. Actualmente goberna no Son o PP e, ideoloxía á marxe, lle están a dar un xiro a política en xestión do patrimonio. De entrada, xuntaron un comité de expertos no tema, recuperaron as conferencias sobre arqueoloxía e patrimonio, rescataron algún deses proxectos aparcados… E iso o está a promover un concelleiro, Carlos, que non chega ós 30 anos pero que ten ganas de facer cousas no seu ámbito competencial, podo dar fe.
Por outra banda, é certo que non se explica que o muro en cuestión siga aí. Pero eu creo que o responsable último é Patrimonio da Xunta de Galicia. O Concello non ten competencias para actuar sobre un Ben de Interese Cultural. Tería que elevar solicitude á Consellería, habería que esperar polo informe de impacto arqueolóxico e logo as obras as dirixirían os técnicos da Xunta. Tamén é certo que a iniciativa podería partir directamente da Xunta, sin concurso do concello, que para iso teñen unha inspección, un catálogo de B.I.C. (seica existe, aínda que é como o das meigas, habelas hainas, pero casi ninguén viu unha) e unha serie de atribucións legais perfectamente establecidas na Lei de Patrimonio, la Ley de Patrimonio Histórico española de 1985, no Decreto de Actividades Arqueolóxica (1997)… Resumindo, que non hai un só culpable.
¿E non viches o cuncheiro que hai a carón dese valado, e que leva ó descuberto e deteriorándose desde que o excavou Vázquez Varela, alá polo 1979?
Gourmet, sobre o das responsabilidades institucionais se cadra non liches ben o último parágrafo do post: “Todo isto, por suposto, baixo a tolerancia das autoridades municipais e autonómicas”.
Sobre o da situación do patrimonio arqueolóxico de Porto do Son, estiven estes días mirando bastantes xacementos do concello e, sinxelamente, a situación a día de hoxe segue a ser lamentable nunha significativa parte deles. Agás o Castro de Baroña (que, por certo, segue sen contar cun miserable cartaz explicativo nas proximidades), unha boa parte do resto dos xacementos teñen problemas directos de atención e conservación. Importante: non digo de atención estrutural, de cousas que dependan dun plan de ordenación, da reflexión de expertos e todo iso. Digo do caos xeneralizado da sinalética, da maleza e broza nos camiños de acceso, e todas esas cousas que ben sabes e para as que non é necesaria unha comisión, pero na que se demostran as prioridades de goberno…
Quero dicir, que non costa nada facer cousiñas bastante urxentes: un xesto do concello en plan, “estamos aquí, imos mandar á cuadrilla a ronzar a corredoira para que non te enchas de toxo ao ver o petroglifo ou o castro” non estaría nada mal, igual que unha cartiña á DX de Patrimonio facendo unha primeira encomenda á inspección sobre as agresións máis graves (isto último non sei se o fixeron, pero como son can vello dáme que tampouco). Unhas accións non son incompatíbeis con outras e teñen fins distintas.
En fin, mentres non se demostre o contrario, por agora todo sigue igual. Oxalá cambie. Por agora, os únicos novos carteis que estou vendo en Porto do Son son todos os que están plantando ao carón da estrada xeral a Ribeira vendendo apartamentos e pisos na costa.
Por certo, o do concheiro non ten nome, efectivamente.
Un garrulo ou marulán.
Encántame o de marulán.
Deixa un comentario