Si, o título do post é un pouco sensacionalista, pero agora explico por que. Unha killer app é un programa que pode ter a capacidade de substituír a hexemonía doutro quedándose coa súa base de usuarios. Songbird é o novo produto da casa Mozilla (a editora de Firefox), e segue a filosofía de gratuidade e calidade dos seu software previo. A vontade de Songbird é convertirse nun reprodutor multimedia pero que converxeu radicalmente coa web. Segundo Mozilla, Songbird está “destinado a reproducir a música que queiras, dos sitios que queiras, nos dispositivos que queiras, desafiando as convencións do descubrimento, compra, consumo e organización da música en Internet“. E non é unicamente unha frase publicitaria: parece real. No navegador interno de Songbird, o programa converte en parte da túa biblioteca todos os ficheiros de audio que ve na web, extraéndoos do seu contexto e organizándoos nunha biblioteca en tres niveis calcada a iTunes que mesmo permite a sua descarga. Para entendérmonos: o botón do menú de iTunes que indica iTunes Store, en Songbird se converte en Descargas.
Para conseguilo, Mozilla mashupiza o programa con varias aplicacións de música en liña, e libera a posibilidade de incorporar e mesturar o programa con extensións, navegadores e outro software terceiro, na exitosa liña que se pode ver en Firefox; e o primeiro que fixo ao instalarse foi cargar uns módulos de compatibilidade co iPod e incorporar ao momento a biblioteca que eu tiña instalada no iTunes, permitíndome non comezar de cero a fedellar con el. Cando haxa unha distribución estable do programa, superará con moito ao iTunes: terá un sistema de navegación similar, pero poderase enriquecer continuamente con centos de extensións, coma o Firefox, e permitirá o acceso rápido a moita da música mainstream e a bastante alternativa. Non sería de estrañar que a difusión de Songbird afecte á cota de mercado de Apple nos PCs Windows, onde moitos usuarios se pasaron ao iTunes pola excepcional calidade dese reprodutor multimedia; Songbird será máis lixeiro, menos intrusivo e, ao estar liberado, facilitará a evolución do software con máis rapidez que iTunes, sempre moi sometido ás políticas comerciais de Apple e á evolución da Apple Store.



Manuel Gago é xornalista e profesor universitario. 







{ 0 comments… engade o teu agora }
Deixa un comentario