Sei que, redacte como redacte isto, non vou ser quen de transmitir a emoción da descuberta de San Salvador de Camanzo. E seino porque Camanzo estaba aí dentro, na miña imaxinación, antes de visitalo, antes de saber que existía. Pero, ¿como podes expresar o feito de atoparte de fronte cun produto da túa imaxinación?




Fotos do post: Sole
San Salvador de Camanzo é un antigo mosteiro medieval, descoñecido para o gran público. Fica agochado na aldeíña do mesmo nome, en Vila de Cruces. No século XII, os Condes de Deza fundaron aquí o cenobio sobre unha antiga igrexa prerrománica. Non ten os enormes volumes de edificios como Oseira ou Sobrado dos Monxes. Camanzo é unha fermosa igrexa parroquial románica, como todas orientada ao Poñente, e esa luz é a que baña esta fachada, este tímpano de inspiración compostelana, no que Cristo está bendicindo desde esta igrexa a todas as casiñas do val de Camanzo. Esa é a igrexa, si. Pero había algo máis. Isto:

A diferencia doutros pequenos mosteiros do rural galego, que viron desaparecer os seus modestos edificios conventuais co paso do tempo ata que deles só ficou a memoria da igrexa parroquial, en Camanzo, anexo á igrexa, atopámonos este edificio grande, medio desleixado, cun gran portalón deteriorado de madeira. Decidimos petar na porta, porque faláronnos do lugar e do ritual que se debía facer alí. Petamos.
-¿Quen é? -berrou unha vella.
-Señora, ¿poderiamos ver o patio? -pedímoslle.
-Pasen, pasen.
O portalón abriuse e atopámonos algo que non teriamos agardado nunca. Un gran patio, emparrado cunha mesta viña que enchía de escuridade o serán soleado. As pitas, os pitiños, os quicos, as uvas, todo comezou a saltar e apareceu Flora. Flora, unha anciá labrega pequeneira e forte, irmá do cura de Camanzo. Pero non a vin moito nese momento. O que vin foi isto.

Arcos góticos dun antigo claustro levantábanse tralas parras, sobresaíndo na luz daquel patio. Columnas altas cerníanse por outras das bandas. A mole da igrexa erguíase ao carón. A luz esvaraba entre as follas de parra. Os gatos fuxían, saltando por riba de sartegos medievais de tamaño infantil cheos de auga e carrizo. Aquelo colleunos desprevidos, e coa garda baixa emocional, e descubrín que me custaba falar. A Flora non, desde logo. Ela é a custodia do recinto, mantén vivo desde décadas este prodixioso secreto de Galicia. Flora, a labrega, a sancristana, a coidadora eterna do seu irmán sacerdote, vinculada a el coma un destino homérico, comezou a falar.
-Esa -díxonos sinalándonos unha enorme vide- é a cepa máis antiga de Galicia. 300 anos. De caíño -dixo, pasando ao carón dela coa normalidade dunha compañeira diaria. A cepa era como un monstro vexetal e mitolóxico, escuro, que estendía as gadoupas a máis de quince ou vinte metros. Parecía disposta a durar outros trescentos anos.

E non parou. Falaba das monxas que se mantiveran neste convento. Dos arcebispos. Dos amos. Dos soldados de El-Rei. Todo acontecera había séculos, pero na voz de Flora fora onte mesmo. Sole conta moi ben a súa historia, e a súa prodixiosa intelixencia. Flora falounos de como as monxas marcharan, pero en certo xeito seguían volvendo melancólicas, agora en excursión de bocadillo, para percorrer coas saias longas as antigas estancias das súas devanceiras. Alí, nese claustro de atrás, existira un pasadizo para que as monxas enfermas puideran subir a oír misa. Hoxe é un caótico almacén do tempo, no que se combinan as escumas para os xarróns de flores con antigos símbolos teolóxicos e pezas de retábulos.


Era un convento de clausura, asegurábanos Flora. Sobre a porta de entrada ás celas aínda podiamos ver a antiga maldición divina que as monxas ofrecían a calquera infractor.


E Flora abriunos cunha enorme chave a porta da igrexa. Foi entrar, ollar para o teito, e observar pampos a vista dunha das poucas igrexas cunha policromía orixinal, que perdurara durante todos os séculos do mundo para poder disfrutala agora, reis románicos, laudas, campanarios estreitos.



Nesta foto tirada desde o campanario apréciase como é o patio das marabillas de San Salvador de Camanzo. As celas das monxas sucédense, soportadas por columnas, por ese patio emparrado de caniño, de albariño, de americana. E alí subimos con escaleiras, collimos uvas ata non saber onde mirar.
-Collede, collede, mociños! -alentábanos Flora. E na horta tamén nos ensinaba as doces uvas de xerés, máis carnosas. E as nosas mans eran racimos enteiros de uva conventual, e os nosos dedos pegañentos eran puro zume prefiloxérico, branco.
-Nós aínda facemos un pipotiño dela para nós da cepa de caíño -dixo Flora- Aquí, na nosa adega. ¿Queredes vela?

Como non iamos querer vela, Flora. Con uvas caéndonos por todas as mans e un exército de pitas seguíndonos tras o rastro doce, vimos como a labrega abría as portas da vella adega do convento. E alí dentro estaba un enorme lagar de madeira e pedra, o cheiro ácedo destas adegas, os barrís, todo conservado coa ciencia do viño do XVIII. Como unha acróbata, Flora amosounos orgullosa a vella arte vinícola das monxas de Camanzo, na que se prensan as uvas dunha das cepas máis vellas do país. Viño de trescentos anos. Non o di calquera.
-Descorrede ese pano amarelo -ordeounos Flora, na semipenumbra da adega, cunha voz algo divertida. Abaixo do lenzo parecía haber uns vultos. Ao movelo, o corazón deunos unha volta.

E Flora calou por un momento deixándonos pasmar da sorpresa, e dándose o pequeno luxo diario da risa interior, que tan ben cadra nestes muros de clausura.
-Agora cubrídeos de novo, antes de abrir a porta -mandounos. E soubemos que aquel lugar, cheo de vida, seguía estando, dalgún xeito, vivo, e coidado. Que os barrís de viño corrían entre as columnas da clausura. E os animais durmían no mesmo lugar no que, hai séculos, quencían as costas das monxas no inverno. Grazas, Flora, grazas por que San Salvador de Camanzo siga vivo.

Manuel Gago é xornalista e profesor universitario. 




{ 17 comments… Le abaixo ou engade o teu }
Jajaja, darías un bó antropólogo… o q non me explico é como deixou que lle quitarades fotos…
Dígoche unha cousa: no rural nunca tiven nin un problema para poder facer fotos, dentro dos límites da educación, por suposto. Verlle problemas á fotografía é, máis ben, unha teima de urbanitas…
Así que ó final fuche coñecer Camanzo. Pagaba a pena ¿Non si?
que marabilla! a crónica e o sitio!! ti cres que recibirá de bo grao outra visita? ou comezará a torcer o xesto?
que tremenda a policromía, a propia cepa… como é posible que se saiba tan pouco deste sitio?!
Si, Rubén, non vas ter problema. Flora recibe a “moita” xente que vai ver o lugar (e ademáis creo que lle gusta). Aceptan, por certo, pequenas contribucións para o mantemento da igrexa, gasto eléctrico, e todo iso.
Gourmet, Camanzo é unha auténtica marabilla. Ademais, como comentei arriba no post, é un sitio “soñado”. Quero dicir, que algunha vez imaxinei algún lugar similar para algún relato. Xa non é só o tesouro artístico que é, senón toda a escenografía.
Sempre hai lugares que queda por coñecer, e esta é unha proba diso… a Vila de Cruces este fin de semana…
Gustoume esta visita e flipei coa videira de caíño tan grosa.
Dende logo que temos xoias ben achantadas.
Qué ben Gago!!!. O teu si que é un blog soñado.
Deixara un comentario fai uns días pero desapareceu. Posiblemente fose culpa minha por telo escrito a deshora, con nocturnidade e a piques de pechalos ollos
Estes dous post da Solaina e Camanzo fixéronme sarabullas na pel. O berce da terra é moito berce cando non dormes nel.
Gustaríame percibilos dende o outro lado para contrastar sensacións, meterme dentro doutro ser, para ser se cabe máis ecuánime, pero tamén me vale a túa opinión.
Graciñas por tanta xenerosidade
Grazas, Paco. Calquera visión sobre a terra, as súas xentes e os seus espazos é subxectiva, pero non por iso menos importante. E a miña mirada non é menos subxectiva que calquera outra. Tómaa como un relato. O que para min é marabilloso, para outra xente sería un patio suxo e cheo de galiñas. Eis o caso.
Iso si, creo que para comprender o rural hai que saírse desa mirada utópica, piadosa, urbanita, melancólica ou comprensiva. O rural non necesita conmiseración. Necesita brazos, apoios, xente que se beneficie con el (non só del).
Excelente artigo, meu. Encantoume.
Unha visita máis que recomendable… Algún día tocara acercarme a Vila de Cruces…
Camanzo e unha maravilla,e non o digo porque eu viva ali senon porque como puidestes ver nas imaxes temos un mosteiro qu merece a pena visitar, convidovos a que veñades , somos moi boa xente…..quero felicitar a/as persoa/as que fixeron ese traballo….e digno da nosa admiración..
Poucas xoias da mestura de romanico e gotico, deste alumno do mestre Mateo,se conserban en Galicia. Patrimonio porfavor, restaurades os frescos !!!viva camanzo e a nosa arte.
Estupendo artigo e moi fidedigno. A Flora gústalle moito ensinar o seu particular tesouro, iso si quitándolle importancia. Será porque canto máis cerca tes algo, menos valor se lle dá.
Grazas polas fotos e o artigo.
Un saúdo.
Deixa un comentario