Tiña un compañeiro de traballo que defendía o “horario natural”. El cría que cada persoa ten un horario de espertar e de actividade vital básica, e que se debería acudir ao traballo en función destes biorritmos. Se ti es dos que ás sete e media da mañá te sentes xa tan greludo coma un butaneiro arxentino, pois a entrar na oficina cos radiopredicadores de primeira hora. Se, pola conta, es dos que te erguerías con facilidade ás nove e media ou dez, e tiveras que entrar no traballo ás once e media, pois tamén aceptado. Simplemente sería cuestión de marcarse horas de saída proporcionais a esa de entrada.
Digo isto porque eu creo que un día cambia de forma notábel en función de cómo saúdes e sexas saudado no inicio da mañá. Para ir traballar, no par de quilómetros de andar vespertino que fago a diario, reparto e recibo “bos días” como se foran luzadas de metralleta. E teño a sensación de que ese saúdo é case como unha necesidade vital: cantos mais lanzo e recibo, con máis ánimo e forza afronto as fatídicas primeiras dúas horas da mañá. É como esa pintoresca hora de ximnasia e motivación persoal que se dá a primeira hora da mañá nalgunhas empresas xaponesas. Teño as miñas preferencias e odios, por suposto. Non me gusta o retórico e cocón do veciño que entra no ascensor, que o pronuncia coma boa semipechada e mirando para o chan, pero si me gustan os que se cruzan os rapaces que van para o instituto na boca grande da miña rúa, e tamén o relaxado, con sorriso panorámico, desa profesora de Física que sempre baixa como se o asfalto do sur da cidade fose un xardín botánico cheo de colibrís.
Gústanme os bos días en forma de claxon discreto dalgún coñecido que remonta a cidade, os bos días dos médicos que entran a primeira hora na rúa da Rosa, os fumegantes pitillos apurados, antes de entrar na oficina, dos interventores de banco, acompañados dun cortés saúdo. Fanme graza aqueles, algo despistados, dunha borrokilla galega que unha vez veu a unha charla que din, e que deixa os seus uniformados irmáns pequenos no veciño colexio das monxas. En Montero Ríos, os saúdos van desde o cansino da quiosqueira, o sibilante arxentino do camareiro do Maycar, os inesperados e prolongados dos borrachos de venres pola mañá. E logo están os bos días da prensa gratuíta, na Praza de Galicia. Sincero e optimista o da rapaza do Metro, formal e ben entrenado o da que reparte o 20 minutos. Despistados e obrigados o dos dous colegas que pasan con desgana o De Luns a Venres e o ADN. No conxelador da rúa do Franco, son os sacos de patacas da Limia os que ofrecen os saúdos matinais. Aquí xa nos coñecemos case todos, e se cadra esas mozas das tendas de cacharrada turística barata darían saúdos de bos días se algún día nos tiveramos presentado. Preto da cafetería Dakar están bos días máis prolongados, en forma de compañeiros que por aquí apuran os seus almorzos de café e prensa. E, ao entrar no Pazo de Raxoi, policías, bedeis e administrativos nos cruzamos con Bos Días un tanto máis serios e respectuosos, coma o propio edificio é. Aquí, entre estas pedras, está o saúdo máis enerxético da xornada. Unha enorme administrativa municipal que reparte o correo, e con voz de soprano ofrece un bos días tan solemnes e serios, ecoantes nos arcos que sosteñen o pazo arcebispal, que un se sinte afectado coa enorme responsabilidade do funcionario público. Un suspira. Xa está aquí o día.



Manuel Gago é xornalista e profesor universitario. 





{ 6 comments… Le abaixo ou engade o teu }
…pensaba o outro día tamén, en qué pouco nos saudamos, particularmente polas mañás… e concordo contigo na importancia do saudo como feito socializador… non entendo como podes sair do portal da casa, cruzarte de súpeto con un viandante solitario e que non haxa ningún tipo de intercambio verbal… esta fin de semán nunha ruta entre castelos por ferrol, tiven que “roubar” os saudos das poucas persoas coas que me cruzaba, nenos e vellos, coma se ese feito social roubase algún tipo de intimidade protexida… SAUDEMOS COMO GALEGOS!!!
Bos días!!!!,
Chovera…?
Efectivamente, o problema é que por algún tipo de motivo, cada vez somos máis incapaces de comunicarnos con descoñecidos. A min tenme pasado tamén, cruzarme no medio da montaña, con descoñecidos aos que levas vendo chegar desde cinco quilómetros, e tentar pasar sen un mínimo saúdo de cortesía. Por suposto, eu tamén o forzo.
Gosto moito deste texto, nunca me parei a pensar en todos os bos días que dou ou non dou o longo da xornada. Boa noite amigo
An, eses só foron os de primeira hora. Ata as once e media aínda reparto algúns máis.
Deixa un comentario