O castro de Santomé, en Ourense: bosques, covas de remuíño e húmidas pías de pedra

19 Outubro, 2007

santome_1.jpg

santome_2.jpg

santome_3.jpg

santome_4.jpg

santome_5.jpg
Fotos: Sole

Poucos castros musealizados hai tan estraños como Santomé, preto de Ourense. Chegamos a el ao solpor, no momento en que os últimos raios do outono prolongaban de esguello todas as sombras, e parece que o momento resumira o propio carácter deste antigo enclave prehistórico. Santomé está mergullado nun espeso bosque que, coma moitos por Ourense, parece a medias mediterráneo e atlántico. Nas áreas aínda non excavadas emerxen muros, debúxanse as formas das casas que aínda están aí, séntense os pasos dos homes que aquí habitaron de xeito interrumpido entre a Idade do Ferro e a fin do Imperio Romano. Contra o século I a.C., unha comunidade instalouse no castro, construíndo murallas e torreóns, e unhas casas de planta cadrada que deixaban, no pequeno tramo excavado, pequenas praciñas.

O curioso é que un século despois, xa trala invasión romana, unha comunidade moi diferente instálouse nas ladeiras do castro, fóra das murallas. Consérvase pouco das súas vivendas, porque sobre elas se construíu unha aldea tardorromana, pero é misterioso de vez. A pesar de coexistir no tempo cos habitantes de intramuros, os restos materiais que quedaron deles son considerabelmente distintos. Esta xente tiña cerámicas de importación, da Galia, ou de Clunia, claramente romanizadas; mentres que a xente de intramuros mantiña as formas, os obxectos propios da cultura castrexa. E isto ao mesmo tempo. Fáltannos as palabras para explicar o encontro e desencontro entre culturas. Do poboado exterior, como dicía, quedou pouco. A finais do Imperio, levantáronse outras casas aquí, algunhas de dous pisos, como demostran as escadas de pedra que hoxe levan ao baleiro.

Pasear hoxe por este recinto é sorprendente. A xente do interior do castro porfiou en aproveitar as pedras para asentar as súas casas e outras funcións. Xa que logo, por todas partes, no bosque, atópanse pías como as da foto, furados labrados na pedra, ás veces cunha función non demasiado clara. A pía que aparece na foto na que se me ven os brazos explícase polo guía como unha primitiva prensa de aceite. Non sei. Hoxe unicamente prensan melancolicamente, o tempo que as cubre de carrizos.


Santomé en Capítulo 0 Mapas

{ 2 comments… Le abaixo ou engade o teu }

1 ekis1331 20 Outubro 2007 at 3:29 am

Fermosa crónica e fermosas fotografías, e a miña avergoñada confesión de que endexamáis estiven aló, e iso que os vrans da miña adolescencia mos pasei indo día si e día tamen ás pozas de Mende… en fin…

2 magago 20 Outubro 2007 at 10:14 pm

Pois agora comeza a estar interesante para ir. Está en pleno proceso de musealización. Aínda queda moitísimo por excavar, por certo, pero estou seguro de que se van atopar cousas interesantísimas.

Deixa un comentario

Podes usar estes HTML tags e atributos: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>