

Ameixas e entrada da Casa Ríos, de Xesteda (Cerceda). Fotos: Sole
¿Que ten Casa Ríos, na parroquia de Xesteda, en Cerceda, para que sexa unha dos lugares de xantar preferidos por cociñeiros do prestixio de Marcelo Tejedor ou Santi Santamaría? Eu creo que, sobre todo, o feito de que esta casa ten o ciclo pechado: as carnes que un proba, as verduras, os embutidos, todo está criado e recolectado pola familia propietaria. Xa que logo, a selección da materia prima é espectacular, case como escollida por unha matrucia para comida de domingo. Un entra nesta antiga taberna sorteando enormes bocois de Ribeiro e unha tenebrosa barra frecuentada polos parroquianos da zona, ao fondo un ruidoso comedor. Son comidas básicas, caseiras, nas que destacan as troitas, as carnes de caza, o seu famoso cabrito -que está impresionante- e as grandes olas tradicionais: laconadas, cocidos, etc. Os Ríos atrévense tamén cun marisco de gran calidade: esas ameixas á prancha que vedes na foto son das mellores que teño probado. O cocido agradece unha explosión sabrosísima de verduda e garavanzos. As filloas, esas filloas moi tradicionais, menos brandas e con furados coma un queixo de gruyére, acompáñanse de mel da casa. O viño do Ribeiro tráese en ciclópeas cuncas, e déixase beber. O prezo: algo caro para o lugar, na miña opinión. Uns 30 euros por cabeza. Salvando ese problema, é un fantástico lugar para amar a gastronomía nacional e facerlla querer a outros.



Manuel Gago é xornalista e profesor universitario. 







{ 0 comments… engade o teu agora }
Deixa un comentario