

A paisaxe vinícola das Langas
Había tempo que quería coñecer a rexión na que se fai o Barolo, un dos máis recoñecidos viños do mundo. Aparece como distinguido acompañante nas ceas románticas das series norteamericanas, mencionado nos ágapes dos plutócratas de países sen cultura vinícola. Quería saber que hai nese viño que esperta tantas paixóns. Así que aquí estabamos, nas Langas, ao sur do Piamonte. Unha suavísima orografía de outeiros coroados por torres de castelos, e unha paisaxe totalmente modificada polo home e o viño, como podedes ver nas fotos. Nunca vira algo similar. Ao Oeste, os Alpes Marítimos descen abruptamente ata a costa ligur pero aquí, a paisaxe é doce, campesiña. Todo aquí é lento e considerábelmente aburrido, perfecto na súa ubicación de postal, nos seus castelos e viliñas, no seu silencio de agricultores. O cultivo da vide non xenera, nos campos, a actividade humana intensa doutro tipo de cultivos. Estas vilas parecen espertar só para a vendima. ¿Silencio, dicía? Non sempre.
Polas noites, escóitanse ruídos pavorosos: nas vilas do val, os acordeóns alpinos tocan a súa música inocente ata a medianoite, e as brisas tráente repetitivas melodías con esa inxenuidade machacante de tiroleses. Imaxínome a praza da vila chea de xentes civilizadas e á mestra da vila e o dono da carnicería vestidos de traxe rexional, termando duns acordeóns pintados con flores, mentres un montón de matrimonios observan a música desde unhas terrazas nas que comen en voz baixa, con esa cara de ausencia que teñen as parellas rodadas durante décadas.
Quería ver en que se convertía unha rexión cando o seu principal recurso turístico de éxito é o viño, e cando este recurso funciona a pleno rendemento. Conclusión 1: Uf. Conclusión 2: Isto do enoturismo é algo bastante perigoso para os amantes do viño locais. Vexamos por que.
Nas Langas, vinlle as orellas ao lobo enoturístico. Vilas inertes, durmidas na somnolencia do último agosto, todas cheas de BMWs e Mercedes conducidos por maduritos alemáns ou norteamericanos, que repousan nas casas de turismo rural e que, á tardiña, póñense en marcha para cear, tomarse unha boa botella de viño e volver antes das once a casa despois de pagaren cincuenta euros por cabeza. E non moito máis. Sen saber moi ben por que, o turismo de alto standing vinculado ao viño -que tanto queren os nosos hosteleiros- consiste niso: prezos elevadísimos na comida e na bebida sen que haxa un valor engadido que os xustifique. As estradas do Barolo están percorridas por ese turismo tranquilón que desexa esa paz silenciosa e non lle importan estes prezos estridentes. E pouco máis. A barreira monetaria e a falta doutros estímulos repercute en que o resto do turismo desapareza das Langas. Só vimos a unha parella da nosa idade -e non somos uns rapaces, andamos nos trinta-, en dous ou tres días. O resto espertábanme sensacións de filiación paternal. Ao segundo día, un xa non sabe que facer. Ollo, non quero dicir que o turismo de cincuentóns sexa un problema, nin nada parecido. O que quero dicir é que todo prestixio internacional dun viño, no segundo país exportador do produto no mundo, non é quen de diversificar o interese por este produto entre públicos máis novos.
¿Por que? Non o sei, francamente, aínda que ao probar algúns Barolos, véuseme á cabeza algunhas hipóteses. Ningunha botella de Barolo baixa dos 30 euros, e as dunha certa calidade, superan con facilidade os cincuenta euros, o cal machaca toda capacidade de experimentación, de xogo, e de busca. Valen realmente ese prezo?
Quizais algún enólogo ou enogeek me poña a parir, pero teño a percepción bastante clara de que o produto non debería valer ese prezo e o que se produce é un sobreprezo inmoral derivado da sona internacional dos viños; non é algo tan raro. Alguén denunciaba no seu blog, hai pouco, como os adegueiros españois premiados con 100 puntos Parker o ano pasado triplicaron o prezo de saída das súas marcas.
Aproveitando os rounds de cata das Enotecas Comunales das que falei o outro día, puiden probar algúns Barolos de certo prestixio. Trátase dun viño forte, concentrado, cun forte sabor a madeira froito do seu obrigado repouso de catro anos en barrica, non especialmente diferente dun Rioja Reserva, e sen máis prestancia, ao meu ver. Un viño para guiris, ademais. Un se decata da forza que teñen os imaxinarios. Os piamonteses, para consumo local, prefiren dolcettos e barberas, máis agradecidos e máis próximos ao sabor do terreno. E isos si que son excelentes, para o meu gusto; a mesma percepción sinto cos Reservas españois, preferidos por un segmento de idade maior que gusta dese viño menos concentrado e moi moldeado por a intervención humana, en forma de barrica.
Decateime de que, aínda que desexo moito que as denominacións galegas prosperen no sector do enoturismo, que parece clave para dinamizar o mundo rural, non quero isto. Non quero vilas mortas que sobreviven baixo a premisa de sangrar ao rico turista anglosaxón ou nórdico. Non quero lugares que aniquilen a capacidade de explorar, de probar, de xogar con viño con despreocupación, nin lugares sometidos á disciplina do aburrimento dunha explotación monotemática. Non quero uns prezos que nos fagan sentir estranxeiros na nosa propia terra. Quero un rural diverso, disperso e divertido, no que o viño sexa unha cultura e non unha xeringa de zugar dólares ou euros. Non quero ser coma o Barolo. E creo que poderiamos atopar un camiño alternativo.



Manuel Gago é xornalista e profesor universitario. 





{ 2 comments… Le abaixo ou engade o teu }
Entón cousas como esta
http://www.devinum.com/ficha.php?id=97
arrepiarante…
Non necesariamente. Como digo no post, non estou para nada en contra do enoturismo. Pero estou en contra do enoturismo e o propio viño como un monocultivo paralizante do desenvolvemento rural, e de converter determinadas comarcas en destinos únicos para señores maiores de clase alta e con prezos desorbitados por servizos comúns.
Deixa un comentario