Il laghetto: pizzas slow food para engaiolar a nenos

14 Setembro, 2007

il_laghetto.jpg
Nenos mirando como se elaboran as pizzas en Il Laghetto

Creo que a mellor pizza da miña vida comina aquí, neste lugar. Un pequeno restaurante chamado Il Laghetto, ao carón dun estanque grande, no fondo de La Morra, na rexión do Barolo. Na terra do slow food, o pizzeiro de Il Laghetto subscribiu o manifesto e deixa acougar a masa das súas pizzas de inspiración napolitana 48 horas antes de facerse. Tiñades que velo: eses nenos todos están flipando con el. Puro virtuosismo artesanal, puro coidado da comida. Alí vimos algo inaudito. Despois de que a súa axudante montara unha pizza -aparentemente, aos meus ollos, normal- el mirouna con fastidio, tentou amañala quitando e poñendo ingredientes, mirouna de esguello e negou coa cabeza. Recolleu a pizza nunha bola de masa e guindouna ao balde do lixo. Na miña vida tal vin. Respirábase amor pola comida, e polos ingredientes de primeira calidade. E aqueles movementos mecánicos, aquela seriedade, daba a impresión de que nesa mesa enfariñada estaba a ocorrer algo grande. Todos eses críos calados, sen moverse, sen molestar, cren que asisten a algo misterioso e moi importante.

E están no certo.

{ 0 comments… engade o teu agora }

Deixa un comentario

Podes usar estes HTML tags e atributos: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>