Viajes y yantares por Galicia: o apetitoso mosaico da Galicia cunqueiriana

alvaro_cunqueiro_aovados.jpg

A cultura galega é un organismo rico en semiinéditos. Encántame o palabro. Refírese a aqueles textos que foron publicados pero non. É dicir, textos escritos para pequenas revistas, para xornais de principios de século, agora esquencidos e sepultados en hemerotecas. Recuperar un semiinédito é concederlle unha segunda oportunidade ao texto agora que os tempos cambiaron. ¿É bo resucitar a estes mortos literarios?

Ás veces, sen dúbida, si. Sobre todo cando os cadáveres son excelsos, como a prosa xornalística de Álvaro Cunqueiro. A Editorial Alvarellos recuperou no 2005 Viajes y yantares por Galicia, un pequeno volume que recompila a obra xornalística que Cunqueiro deixou na revista Vida Gallega entre a década dos cincuenta e sesenta. Son pequenos textos consagrados a alimentos e rituais, nos que se aprecia ben o talante humorístico e divagador de Cunqueiro. Non debían ser moi diferentes algunhas sobremesas inspiradas deste home dalgúns dos artigos que mandaba por correo a esta revista editada en Lugo. Ao lelos, tiven a mesma sensación que cos seus textos sobre viños: decátome do preto e do lonxe que estamos da súa percepción dos alimentos e dos rituais que os acompañan neste país. Todo me soa, pero todo xa deixou de existir, aínda que creamos que sigue vivindo no noso dilatado imaxinario popular. Cunqueiro mesmo fomenta o engano: este escritor sempre gustou de mesturar tempos, referencias, invencións nos seus libros, ata o punto de que se cadra, o último punto de amarre sexa directamente á terra. Todo se move nunha nebulosa temporal. Para poder chegar hoxe ás aventuras gastronómicas de Cunqueiro, hai que ter sorte e confiar nas redes sociais que nos leven ata o pazo no que aínda se sirven 11 pratos no día da festa parroquial (quedará algún?).

Os artigos están estrados do humor de Cunqueiro, que tamén ten denominación de orixe, e é un humor como para dentro. Eu imaxínome a Cunqueiro bebendo un café de pota e ríndose no interior, coma un neno argallán, mentres mantén un rictus de sabio diante da concorrencia. Nalgún momento, os Viajes y Yantares desarmoume por completo, como fai ese humor que só un comprende porque toca algo impreciso, e provocoume gargalladas serias e inexplicábeis durante dous días. Especialmente coa receita do “relleno imperial aovado“. Vóuvola picar porque me matou:

“Si hubiera vivido otros tiempos, y hubiera ido don Jerónimo a Flandes […] llevaría con él a Estebanillo González, para que pasando por el Franco Condado le preparase en cada aldea el “relleno imperial aovado”. (Se abre un hoyo y se echa en él un carro de leña. Se toma un huevo y se rellena con él un pichón, con el pichón un pollo, con el pollo un cordero, con el cordero un cerdo, con el cerdo un ternero. Se echa encima otro carro de leña. Se planta fuego, tras haber vertido un barril de aceite, y a esperar. Se llama “aovado”, porque lleva un huevo dentro, e “imperial” porque lo comían los Emperadores germánicos al día siguiente de la coronación. El médico de estos coronados se llamaba don José de Aramburo)”.

6 Comments

  1. 13 / Setembro/ 2007

    Pois imaxinate se chega a publicar aquil libro que tiña en mente sobre a ¨Historia das tabernas galegas¨…

  2. 13 / Setembro/ 2007

    …deixaría pasaxes escritas…? :P

  3. 13 / Setembro/ 2007

    Eu sempre imaxinei ise libro como unha titanica laboura de anos e anos (e moito traballo de campo e de barra, a pé de pipotes…). Por certo, lembro ler que Cunqueiro opinaba que as millores tabernas eran as de Betanzos….

  4. 13 / Setembro/ 2007

    Pois claro que algo deixou. Nos números de xaneiro, febreiro, marzo, abril, maio e xuño de 1946 da revista Finisterre publicou seis artigos sobre cinco tabernas galegas. O primeiro é unha introdución a unha historia das tabernas galegas e despois veñen “La de Póngalas”, “El Padre Benito”, “El Casal de Acuña”, “El Pozo del Goiro” e “El chigre del Lorito”.
    Os seis artigos están incluídos nunha escolma realizada por César Antonio Molina e publicada por Tusquets baixo o título “El Pasajero en Galicia”.

  5. 13 / Setembro/ 2007

    Case subscribo o de Betanzos!

    Colineta: é vostede un pozo de saber. Mañá botareille unha ollada a esa recompilación do amigo ministro, que supoño que a terei no traballo.

  6. 14 / Setembro/ 2007

    Magago, se o libro non está alí téñoo eu á súa disposición.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará