
Fragmento de Favola di Venezia, de Hugo Pratt (1977)
Non veñen por aquí pola obra veneciana de Thomas Mann, de Vivaldi ou de Giacomo Casanova. Son un clan de solitarios, e custoume recoñecelos, pero cando o fixen non saín do meu abraio. Alí estaban todos, paseando como follas en outono, por ruelas solitarias. Recoñécelos por unha marca: pinzan cun dedo páxinas da Favola di Venezia, a aventura de Corto Maltés na Venecia da infancia de Hugo Pratt; un misterioso e soturno freak que me atopei nunha calexa tras Rialto descubriume a outra modalidade: a Venecia Secreta de Corto Maltés, unha guía explicativa dos secretos prattianos da cidade. Miroume -os dous fitabamos os voladizos dunhas casas- como buscando complicidade na busca.
Estes solitarios, estas parellas están a confrontar a Venecia en cor coa Venecia en branco e negro do álbum, lendo nos trazados urbanos eses recantos secretos que Pratt debuxa nunha das súas aventuras máis íntimas. Lugares distanciados, algúns, dos grandes focos turísticos. O Arsenale. O Guetto novo. Historias de patios, fontes reinterpretadas, rúas desertas, ese orientalismo barroco que formou Venecia amando e temendo ao Turco no mesmo tempo. Dúas inglesas sentan nun Campo e os seus ollos van do álbume á realidade; se cadra, o panorama que eu vexo ermo eles téñeno cheo de cadriños, de bocados e viñetas e o mariñeiro Maltés pasea por el. Un exercicio duro, comparar a imaxinación coa realidade; unha aventura demasiado persoal: ver interese en lugares que están desprovistos, aparentemente, del. Estes buscadores visitan argumentos. Pratt deseñou álbumes de gran parquedade estética, e forzou a que o lector quen (encantado) lle escribe aromas e cores ás súas voluptuosas historias. Esta xente explora en vivo a súa lectura de Venecia.
Son turistas da súa propia imaxinación.
Outro solitario buscador examina un capitel nun patio, e todo parece envolto nun soño irreal. Esta cidade é sobre todo onírica. Se a Materia de Bretaña foi a base argumental da fantasía medieval, a Materia de Venecia inspirou, dun xeito ou doutro, boa parte da fantasía, da ciencia ficción e do imaxinario do século XX. Na túa memoria, recoñeces a Venecia en centos de mundos escritos ou ilustrados, alí onde o artista se tomou a liberdade de volver conciliar oriente e occidente e pensar en atribuladas e acurraladas Repúblicas. Pero só Pratt foi capaz de soñar Venecia desde dentro.



Manuel Gago é xornalista e profesor universitario. 





{ 0 comments… engade o teu agora }
Deixa un comentario