
Aquí estou, practicando o ravenismo. Ou a arte de mirar sen parar teitos de mosaicos na cidade de Rávena e rematar dunha vez coas cervicais maltratadas no inverno.
Sempre quixen ir a este lugar: ubicada no Leste de Italia, próxima a Venecia, en antigas terras de fronteira no límite da península italiana. A cidade, en si mesma, non ten demasiado encanto. Ruelas anchas, rectas, que seguen o trazado orixinal case ao milímetro desta que foi capital do decadente Imperio Romano occidental cando xa estaba todo o peixe vendido e os bárbaros saqueaban Roma. Casiñas baixas, unha sensación de letargo prolongado.
Logo chegou a caída do Imperio, as vacilacións históricas e a reconquista da cidade e dos seus territorios por parte do emperador bizantino Xustiniano, no século VI. Xustiniano afianzou a Rávena como o seu posto destacado en Italia, pola súa proximidade e polo porto militar que construíra Augusto, moi preto, en Classe, cinco séculos antes. Rávena ten algo único: o século VI. Na pobreza material deste século, Rávenna custodia unha serie de mosaicos xurdidos ao abeiro do florecente poder das frangullas decadentes do Imperio Romano.
Pero para min, o fascinante de Rávena é ese século VI. Esa terra de ninguén. Algo que xa non é Imperio Romano, que tampouco é Idade Media, pero no que se está conformando un futuro do que nós coñecemos todo pero que, nese momento, aínda non está decidido. Rávena é como un intre conxelado no tempo da gran narración histórica de Europa. Sabemos de onde viñan. E sabemos que ía pasar despois. E o que collemos é, xusto, o fundido-encadeado entre épocas. A arte da cidade é a nosa intérprete, diáfana, mesmo para non especialistas, para comprender a este tempo suspendido na Historia. Recoñecemos os detalles: a inspiración no pagá Neptuno, o naturalismo dos mosaicos das vilas campestres, o Cristo representado como un patricio novo e rico, completamente rasurado; está o vello, pero o cristianismo comeza a construír o seu propio código visual. Na Basílica de San Vitale fórzanse os límites do que a propia técnica do mosaico pode dar de si.

Basílica de San Vitale. Fotos: Sole
San Vitale foi unha enorme obra de propaganda levada a cabo polo emperador bizantino Xustiniano para difundir a súa identidade e maxestuosidade nunha Italia caótica. Todos eses mosaicos falan do gusto incipiente de Bizancio por esta técnica artística, pero están feitos desde a tradición local, cos saber dos artesáns italianos. E nel contense un dos relatos de poder máis interesantes que se poden atopar na arte. O Mosaico de Xustiniano e a súa corte.

Todo, todo neste mosaico conta algo. Fixádevos na figura do emperador, no centro, presidindo. Pero observemos o pequeno axuste de contas local: escrito no mosaico aparece o nome de Maximianus. Era o bispo de Rávena e o texto indica quen deles é. Observemos en detalle.

Falta pouco para que desapareza o retrato individualizado, o suxeito con riscos propios, da arte europea. Pero aquí aínda está, e co realismo que caracterizaba á retratística romana! Maximiano é o cura da dereita de todo, e deixounos para a posteridade, aparte da súa vanidade, unhas tremendas faccións de intrigante. Entre o bispo e o emperador, está Xuliano Argentarius que, coma o seu propio nome indica, era quen tiña a pasta. O banqueiro que financiou a construción da basílica. E, á dereita do emperador, temos outra figura interesantísima, o Xeneral Belisario, conquistador de Rávena. Militares, banqueiros, cregos, emperadores…século VI, todos os séculos

Sen embargo, neste mosaico hai algo máis: se os retratos e a análise psicolóxica dos poderosos nos leva case ata a República romana, cincocentos anos atrás, a multitude de soldados da esquerda nos traslada á plena Idade Media. Soldados anónimos, de rostros xenéricos, en multitude. Lembra miniaturas medievais que teñas visto, pensa nas Cantigas de Santa María. Esa multitude está aí, case sete séculos despois. E esta debe ser unha das primeiras veces na Historia, así que se lle perdoa ese pequeno fallo de coherencia que ten: hai máis cabezas que pés. Perdoarémosllo por ser a primeira vez. ![]()



Manuel Gago é xornalista e profesor universitario. 





{ 0 comments… engade o teu agora }
Deixa un comentario