Espiando celas no Convento di San Marco de Florencia

Last updated on 27 / Agosto/ 2007

convento_marcos_1.jpg
Figura reflectida nun espello, e que foi desvelada baixo o chan das celas do Convento di San Marco, en Florencia. Foto: Sole

En Florencia, a arte é coma unha tenda de alfombras persas. Trátase de ir levantando exemplares ata que chegas á túa preferida. As sorpresas e os achados tan só son parte do proceso de reformas. Díganllo aos restauradores do Convento de San Marco: mentres aseguraban coidadosamente os pisos deste mosteiro dominico, reformado por Michelozzo a mediados do XV, comezaron a aparecer pantasmas, caras de miradas penetrantes, e non precisamente ao estilo Bélmez. Cosme de Médicis mandara reformar o vello edificio do século XIII, pero algunhas pezas de arte quedaron pegadas coma o celofán dos vellos pósteres. Hoxe, cristais no chan permiten ver, a través dun xogo de espellos, estas figuras que sobreviviron nas cavidades veladas da reforma.

Pero imos ao Convento di San Marco sobre todo porque aquí está gardada unha das xoias artísticas de Florencia: o traballo conventual de Fra Angelico, chamado no convento o Beato Angelico. En San Marco aínda se pode percibir algo de repouso conventual, protexidos polos recios muros das masas turísticas. Os dominicos continúan nos edificios sacros cincocentos anos despois, velando pola memoria dun dos seus devanceiros máis notábeis. Angelico pasou á fama porque é un tipo a dúas augas: temas medievais, disposicións e cores renacentistas de gran beleza, preciosismo na factura.

-Fáganme o favor de calar -murmuria un vello dominico cunha conta de rosario na man.

Xunto coas pezas soltas, o agasallo aos ollos de San Marco é, especialmente, o andar superior do Claustro de Santo Antón. Alí, en cada cela conventual, Fra Angelico pintou un motivo relixioso, como este:

convento_marcos_2.jpg

A mecánica é andar polo corredor, meter a cabeza nas celas e asomar á intimidade dos pequenos habitáculos dos frades medievais. Ás veces, Angelico estaba máis inspirado, outras non tanto. Dános a impresión de que na escolla de temas hai unha certa complicidade persoal, de historias persoais que xa non coñecemos entre o artista e o compañeiro de hábitos que durmía nesa cela. Cando se aburría, parece que Angelico pintaba solemnes crucifixións. Cando se inspiraba, volvía ao seu tema máis querido, a Anunciación, ou nalgún caso, debuxaba dalinianas composicións de alegorías non demasiado claras. A saber os acordos e trasacordos que habería. No camiño do corredor, un chega ata as propias celas de Savonarola, o frade que gobernou con man de ferro durante algúns anos a cidade; nunha ala do claustro ábrese o magnífico traballo de arquería da Biblioteca, a primeira Biblioteca pública do mundo, na que os humanistas fiorentinos aprenderon o saber grego e romano. Polas fiestras, maniféstase continuamente a enorme cúpula de Santa Maria dei Fiori.

One Comment

  1. viviane
    30 / Marzo/ 2008

    Incrível sua foto!
    Já leu Didi-Huberman, Devant L’ Image?
    Sua foto me fez querer ver também!
    Obrigada,
    Viviane

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará