Siena, aquí está o mundo en pequeno

siena_1.jpg
A Fonte Gaia da Piazza del Campo en Siena. Fotos: Sole

Se nos puxeramos a polarizar, un podería ser de Siena ou, pola contra, de Florencia. Dúas cidades moi próximas, ás que o Tempo agarrou en momentos diferentes. A Siena, unha peste machacouna no XIV e xa non levantou cabeza. Florencia floreceu no XV e no XVI, en plena efervescencia do Renacemento. Se Siena aínda ten os medos medievais, e se empoleira como unha fortaleza no alto dun empinado outeiro, Florencia arríscase e déitase vizosa na campiña e gozando do río Arno. Son dous urbanismos diferentes, detrás están mentalidades radicalmente distintas, culturas opostas. Un podería tomar partido por Siena ou por Florencia, pero négome, aínda que a miña admiración emocional estea en Siena e a cerebral (como se se puideran separar a unha da outra, que parvada) en Florencia.

siena_2.jpg
Fachada do Duomo

Será que a Idade Media de Siena é luminosa, alta, e chea de brancos. En Siena, a arte aínda goza da fantasía desatada dos autores anónimos. Pola contra, en Florencia, a túa reputación pasaba por definir modelos humanos, e non por esculpir a túa terapia onírica persoal nas fachadas, como na Idade Media. En Siena, con todo, está o mundo. Así, en grande. A tensión entre o civil e o relixioso. O luminoso e os calexóns oscuros, propicios a traizóns e a asasinatos. En Siena, o Cuattrocento parece o noso Renacemento. Aínda que por toda Europa, os concellos foron prontamente institucións democráticas que defendían aos burgueses -habitantes do burgo- do poder aristócrata, aquí as súas realizacións foron moito máis alá. Era preciso expresar o poder do pobo. Por iso esta Idade Media é tan luminosa como a Praza do Campo que os ricosomes e os boos homes ergueron no centro xusto da cidade, sen mesturarse cos poderes relixiosos. Dáte un paseo por ela con este panorama:


Siena é o mundo, dicía antes. E coma o mundo está parcelado ao máximo polos homes. Se un territorio se pode explotar ao máximo a nivel urbano, velaí están as contrade, os barrios, para demostralo. siena_3.jpgCada contrada ten o seu propio símbolo: un escudo que é e non é heráldica. Escollen un animal, mitolóxico ou real, e nel están contidos os valores do barrio, e marcan os límites no interior da cidade. Siena está chea de invisíbeis fronteiras simbólicas. As contrade teñen os seus propios medios de superar as rivalidades a nivel simbólico, coma o famoso Palio que se celebra na Praza do Campo. No urbanismo sienés, a presión demográfica amoreou cara o alto, facendo que os edificios expresen o crecemento das familias, trazando arcos que atravesan rúas para simbolizar a alianza con outras, elevando torres que amosaban o pendón sanguineo no horizonte, construíndo hábitats sen vertixe. Hoxe vémolos con asombro.

siena_4.jpg

En Siena gravamos un pequeno vídeo de cinco minutos sobre a cidade. Convídote a velo.

3 Comments

  1. Isa
    24 / Agosto/ 2007

    Grazas por compartir a vosa viaxe con todos nós!! Paréceme fascinante, de verdade. Por certo, que mentres percorriades Italia, botámoste de menos ;)
    Saúdos!

  2. 24 / Agosto/ 2007

    Grazas, Isa! Ando facendo un certo esforzo multimedia, con texto, fotos, panoramas, vídeos…porque as palabras non me chegan para transmitir o moito que me fascina Italia e as miñas cidades preferidas nela…

  3. arume dos piñeiros
    29 / Agosto/ 2007

    Este ano gañou a Civetta no palio, unha das máis extraordinarias festas que eu teño visto na vida. Aínda que ver como comen os gañadores na súa contrada a semana seguinte é un dos placeres únicos da vida. E se tes a sorte de que che conviden máis. Ese recorrido Florencia Siena pola terra do Chianti é o paisaxe máis fascinante da terra. En fin, que me poño meláncolico e toscano para sempre. Moi bós relatos. Qué sorte!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará