Lucca: turismo lento para os cansos viaxeiros da Toscana

Last updated on 23 / Agosto/ 2007

lucca_1.jpg
Fotos: Sole

Este labirinto está gravado nas columnas da entrada do Duomo, a catedral, da cidade toscana de Lucca. A súa forza visual é hoxe, como dirían os portugueses, un dos ex-libris da cidade, un logo. Ninguén sabe moi ben por que está aí, e por que abundaron tanto no seu momento nas igrexas italianas e francesas, pero conecta directamente cunha tradición pagá.

Na inscrición da dereita o artista atreveuse a reivindicar a orixe mitolóxica do Labirinto de Lucca, remembranza do construído por Dédalo en Creta, só vencido por Teseo coa axuda de Ariadna. Hai quen di que o labirinto da entrada á catedral de Lucca é unha invitación á concentración e ao repouso: o crente debía percorrelo lentamente, ata esquencerse das súas preocupacións cotiás e logo, xa manso, entrar á Catedral. Parece unha propia metáfora da visita á cidade de Lucca. Axitados e devorados pola arte, o urbanismo brillante, a riqueza das cidades toscanas, Lucca é un remanso de vida lenta. Na patria do slow food, este é slow tourism. Acouga, rapaz, aquí imos a outro ritmo.

lucca_1b.jpg

Aquí non hai riquezas inmensas, nin enormes coleccións de arte ducal. Para un viaxeiro canso de marabillas, a chegada a Lucca é o propìo descanso, e o paseo é o gran atractivo. Rúas regulares que respectan o propio trazado romano e fan descansar aos ollos, casas máis humildes, unha fermosa colección de románico orixinal, o paseo pola fresca e arborada muralla. En San Michelle in Foro, as columnas desta fachada compiten pola diferencia. Na encantadora e pequena praza do Duomo, o campanile -o campanario- elévase con discordancia humana con respecto ao resto das construcións.

lucca_2.jpg
Duomo de Lucca e San Michelle in Foro.

lucca_3.jpg

Esta antiga república foi o estado independente máis lonxevo de Italia, despois da Sereníssima Venecia. Durante un tempo, os mercaderes viviron do comercio da seda; no século XVII dotouse de murallas que foron tecnoloxía punta no seu momento, pero que non valeron ante os exércitos de Napoleón. Bonaparte convertiu á súa irmá en rimbombante Princesa de Etruria. A pegada da moza non foi moi estensa, pero desvelou un segredo. A princesa ordenou destapar o anfiteatro romano orixinal da cidade; colonizárano un ensarillado núcleo de casas medievais. Ao demolelas, abriu a que hoxe é a Piazza del Mercato. A Piazza é un dos recunchos máis queridos de Lucca, e segue exactamente o trazado do recinto romano orixinal. Aquí podes vela nun panorama que fixen.


Notas técnicas:

Para poder ver o panorama precisas ter activado o java no teu navegador (vén por defecto, así que non debería haber problema). Para incrustar panoramas en WordPress emprego o plugin Iimage Panorama; para construír o panorama en si uso Autostitch.

3 Comments

  1. 23 / Agosto/ 2007

    :D Moi boa descripción, alédome de que vos gustase. No noso caso a sensación foi similar, de camiño entre Roma e Florencia, foi como un respiro na italia profunda… e é un dos povos con “sabor” da Italia no que no verán non hai máis turistas ca residentes, e iso sempre é de agradecer.

  2. arume dos piñeiros
    29 / Agosto/ 2007

    Lucca é maravillosa, sobre todo a súa praza elíptica, aínda que todo o recorrido por aquelas prazas de dimensións humanas aledan sempre o corazón.
    Imaxino que a sua intuición levoulle cara as Cinque Terre ligures. Se non o fixo, volva para visitar aqueles paradisos, tan perto de Lucca e Viareggio. Mamma mia escribir eses nomes estremece a lembranza.

  3. alvarez
    29 / Maio/ 2010

    Gracias por lembrarme aquel día de calor e sombra nos parques que bordean a muralla de Lucca coas familias italianas, os homes en camisas de asas e as mulleres cos vestidos de veran, como nas pelis de Mastroiani, comendo nos os bocatas cos nenos naqueles bancos de madeira o fresco….
    En canto o comentario de Arume sobre as Cinque Terrae, para min foi do peor da viaxe. Demasiado mogollon, demasiado timo de aparcamento e demasiada malafolla italiana na sua teima de roubar e masacrar o guiri para tan pobos-figuirines con pouca chicha. Cicais foi por facer a viaxe en coche e non en barco ou comboio como logo nos enteramos, pero somos cinco e o transporte público é demasiado caro para nos.
    Preferin mil veces esa tardiña e o solpor en Portovenere naquel infausto día e glorioso anoitecer.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará