Unha cepa de 300 anos

vide_vilar_avion.JPGUnha historia cativoume hoxe en La Región. Na aldea de Vilar, no concello de Avión, unha cepa de treixadura, enorme coma un tronco de piñeiro, está a vivir unha lentísima agonía despois de 300 anos de vida. 300 anos, calculan os veciños. Aturou os incendios, as divisorias de minifundios, a filoxera que arramplou con boa parte dos viñedos tradicionais no XIX. Un veciño estrémalle os coidados á pranta, pero non parece haber remedio. Un concelleiro de Avión tentou que a Xunta a declarara “árbore senlleira”, pero as cepas non teñen dereito a catálogos de protección.

A historia desta vide lembroume o texto máis fermoso que se teña escrito sobre os viños galegos. Nel hai algo de marabilloso, algo de brumoso e tamén inquedante. Tal texto non é outro que o fragmento panorámico que Don Álvaro Cunqueiro escribiu en A Cociña Galega e que podes ler en Galicia Espallada. Mírao de vagar. Nesa pequena, pero pormenorizada viaxe polos viñedos e caldos do país, que se publicou no 1973, Cunqueiro fala duns viños que só recoñecemos a medias. Hoxe as colleitas están orientadas á máxima produtividade, pero nos setenta, aínda subsistían moitas cepas vellas, vellísimas, como esa de 300 anos que está a morrer sen remedio hoxe en Avión. Si, é certo, consérvanse moitas das áreas de viñedo. Pero, ¿quen probou os viños de San Fiz?¿Quen bebeu os albariños de Ribeiro do Avia? ¿Onde fica a viña de Blanco Raxoi en Verín? ¿Como eran eses brancos de Beade coa metade de treixadura que “á tardiña, preparan a alma para a contemplación das brillantes estrelas“? ¿Como eran eses albariños, con tan diferentes tons dourados, “que amencían nas copas da capa corno fillos de soles diferentes“? ¿E o tinto de Rubiós, que Cunqueiro asegura ser o mellor tinto galego que teña probado?

Tan pouco tempo, e tantos cambios. Os viños dos que fala Cunqueiro son terroir, son viños que teñen lugar, mesmo casa, pero non apelido, coma os mozos das parroquias. Viños de adega artesanal, colleita pequena, estritamente vinculados á terra, con podas pouco ortodoxas. Non había marcas publicitarias, e a terra marcaba as variedades do país máis axeitadas. Moito cambiou o conto.

Actualización 24/07: A cepa resistirá. Onte visitárona técnicos de Medio Rural e sinalaron que non se atopa en tan mal estado. Tamén obterán o seu patrimonio xenético, que debe ser potentísimo a xulgar pola súa resistencia. Máis en La Región.

4 Comments

  1. 24 / Xullo/ 2007

    Hai unha cepa semellante, tal vez algo máis nova (a min faláronme de máis de douscentos anos, que tampouco está mal), no lateral da igrexa de Camanzo (non estou seguro se é Boqueixón ou xa Vila de Cruces). A visita paga a pena pola igrexa en si, pero a inmensa cepa é un engadido.

  2. 24 / Xullo/ 2007

    Pois xa teño unha exploración para unha tardiña destas de verán.

  3. 24 / Xullo/ 2007

    Gran post!! e un pracer ler a Cunqueiro…

  4. 25 / Xullo/ 2007

    Aledome pola videira.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *