Conversando sobre Menéame con Ricardo Galli

Modero un interesante debate con André Sendín, que é director do Departamento Multimedia da Escola Superior de Comunicación Social do Instituto Politécnico de Lisboa e Ricardo Galli, creador de Menéame. Obviamente, aparece o tema de onde metemos a Menéame dentro do ecosistema de medios en Internet. Galli teno claro: “Menéame non é un periódico, pero si é un amplificador de noticias“. Pareceume un concepto interesantísimo e, pola contra, eu creo que si enriquece o propio ecosistema de medios. No propio público, alguén sinalou o feito de que en certo xeito eran un contrapunto necesario, un vixía capaz de colocar un discurso alternativo ao propio papel dos xornais.

O certo é que Menéame é un produto dunha potencia brutal para a redistribución de tráfico. Só poño un exemplo minimísimo: Capítulo 0 ten aproximadamente unhas 450-500 visitas diarias, segundo Google Analytics e Sitemeter. O mércores tivo máis de 700. Esa diferencia proviña de que aparecía mencionado como terceira ligazón dunha enumeración nun distante comentario número 12 do post Las 7 maravillas del mundo friki do sitio sigt.net, e ese post á súa vez fora promovido á portada de Menéame. Ou sexa, que ata min chegou a cola do efecto Menéame traendo con ela máis de duascentas entradas.

Un xeito de comprender en que se diferencia Menéame dun xornal convencional é na progresión das cifras de audiencia. Menéame ten unhas cifras de visitas impresionantes: agora en xullo de 2007 anda polas 115.000 visitas diarias, e naceu aínda en decembro de 2005. Nun xornal de ámbito xeralista de Internet ese vertixinoso disparón de audiencia sería virtualmente imposíbel: prodúcense ascensos moito máis moderados e graduais. Pero Menéame non é un xornal. Esa é a clave para comprender o seu éxito.

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará