Brasería El Almacén, en Santiago: chuletóns de boi entre artigos gourmet

Last updated on 11 / Xullo/ 2007

É certo o que din os críticos profesionais sobre a numerosa cantidade de veces que é preciso visitar un restaurante para facerse un criterio máis ou menos equilibrado. Pasounos na penúltima visita á brasería El Almacén, nas aforas de Santiago, no lugar de Sarela de Abaixo. Fora unha experiencia que rozara o desastre: mal servizo, lentitude exasperante, conta máis elevada do habitual… No seu momento calei, e dímoslle unha segunda oportunidade. Destoutra volta cambiou todo, ou case todo, e para ben.

El Almacén é un lugar atípico na restauración compostelá, a pesar de levar xa uns certos anos aberto. Trátase dun almacén de produtos gourmet, ubicado no extrarradio rural compostelán, que complementa unha brasería especializada en carnes e peixes de calidade. Deste xeito, cando un entra pode ver unha gran cantidade de envasados de gama alta: espárragos trigueiros, lombo de orza, ventresca de atún e outras delicatessen de enorme cualidade; unha área de xamonería con ibéricos e algunhas marcas de renome complementa a oferta, na que destaca a enorme profusión de Riojas e Riberas del Duero que se poden atopar a prezos moi asequíbeis, “como se fora un almacén“, díxonos o camareiro. Iso si, unha selección de caldos clasicota onde as haxa, unha auténtica reserva de marqueses e condados, pero que non pega mal co tipo de comida que se pode escoller. Escollida dunha carta basicamente oral: comézase cun delirante salpicón variado, no que un se atopa de todo o que ves antes nas estanterías do almacén: salmón, bocareus, ventresca, fabas, espárragos, tomate e o que lle boten, regado con aceite de primeira. O certo é que o resultado é absolutamente apetecíbel. As carnes xa son as típicas: chuletóns, entrecotes, e algúns peixes do día. O bacallau do lugar tamén ten certa sona. Con Ribera Crianza, uns 22 euros por persoa, que non está nada mal.

A Brasería O Almacén en Capítulo 0 Mapas

One Comment

  1. 11 / Xullo/ 2007

    Vese que eres unha persoa que gosta do bo xantar. grazas pola recomendación

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará