
Shlomo Goltz, estudante de comunicación visual na Saint Louis Sam Fox School of Art and Design, en Washington, deseñou e escribiu un impresionante ensaio gráfico: Evolution of the protest (en PDF), no que disecciona as estratexias das masas de manifestantes para obter unha victoria urbana e visibilizar as súas reivindicacións. A tese de Goltz é que a potencia dunha masa manifestante é hoxendía moito máis grande que hai décadas, por unha razón especialmente instrumental: a presenza de tecnoloxía que facilita a autoorganización. Para defender a súa tese, o autor contrapón dous modelos moi relevantes de protesta social:
- as sentadas polos Dereitos Civís antisegregacionistas de Nashville, en 1960, na que estudantes negros sentábanse pacificamente en lugares reservados só para brancos
- a batalla de Seattle, en 1999, toda a serie de protestas sociais que levaron á cancelación do cumio da Organización Mundial do Comercio
Para iso, Goltz disecciona a anatomía das masas manifestantes, as actitudes e as estratexias de desprazamento destas polo tecido urbano en función dos acontecementos e as accións policiais.

Diagrama de disposición de manifestantes na batalla de Seattle e modelos de comunicación
En resumo, un impresionante traballo gráfico que permite visualizar os novos modelos sociais de comunicación distribuída e a formación das Multitudes Intelixentes ás que alude Howard Rheingold, de quen vén a referencia. Absolutamente recomendábel.

Be First to Comment