Falar de algo non significa ser algo

Last updated on 19 / Xuño/ 2007

Non sei por que, pero en Internet dáse unha circunstancia especial entre determinados tipos de usuarios. Se un sitio web fala de algo, os usuarios pensan que esa é a fonte orixinal e a ela dirixen as súas protestas, súplicas ou preguntas, sen pararse a pensar se é exactamente o lugar ao que teñen que dirixirse. É dicir, se falas da Pantoja, será moi posíbel que nun par de semanas teñas unha boa chea de comentarios dirixidos a ti en plan ¡Ánimo, Isabel! e cousas así. Supoño que unha é unha diferencia que está bastante clara nos medios tradicionais -o periódico non é o Presidente do Goberno-, pero que en Internet aínda nos falta algo de aprendizaxe para aprender a diferenciar. Outro factor que incide nesta confusión é o número de comentarios. Canta máis xente trabucada comenta, máis xente se trabucará por algún estraño algoritmo social de credibilidade. Lembro algún caso estarrecedor derivado destas confusións.

Máis próximos están outros sorprendentes. Sole falou nun post sobre Iemanjá, a deusa ubanda de gran fervor en Latinoamérica. Non paran de chegarlle peticións dunha conta bancaria para facerlle ofrendas monetarias á deusa e de oracións para honrala. Paga a pena ver o fío de comentarios.

Xa que logo, mercé a San Google, os fans do xovencísimo dúo de harpistas Sete Saias téñenme colonizado un fío de comentarios dun post que publicara co seu primeiro videoclip. As risas chegaron o outro día cando Marta, unha das integrantes, tamén se personou no foro agradecendo e outra xente comezou a intercambiarse correos electrónicos. Nada, só puntualizar dúas cousas: non teño nada que ver con Sete Saias pero síntome honrado de que se os seus fans e ex-alumnos me utilicen para comunicarse coas artistas, cousa ademais ben fácil de levar pola miña parte porque, como diría meu avó, sonche mozas ben xeitosas. Nada, amantes da música, esta é a vosa casa.

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará