Por que WordPress só ten que valer para facer blogs?

enpe2007.jpg
Ariadone na Praza de San Martiño Pinario. En pé de pedra 2006. Foto: Angelica Soleiman

Teresa de la Hera, compañeira no Grupo de Investigación en Novos Medios da Facultade de Comunicación da USC, acaba de rematar o sitio web de En pé de pedra 2007, o marabilloso festival urbano de danza contemporánea que se celebrará entre o 22 e o 24 de xuño en Compostela. Teresa fixo a páxina case enteiramente en WordPress, que é o sistema de creación e xestión de blogs que está detrás de Capítulo 0 e doutros millóns de blogs no mundo. Pero o sitio web que fixo Teresa non é un blog. É un sitio corporativo. E aí está a clave. WordPress, na práctica, debera ser moito máis que un software para publicar blogs. Estamos ante unha potentísima ferramenta que permite xestionar as necesidades web de pequenas e medianas entidades abaratando moito os custes de desenvolvemento. Hoxe por hoxe, está infrautilizada. Pero pode revolucionar o noso traballo.

Eu defendo que WordPress é un dos mellores sistemas de xestión de contido que existen, por tres motivos: ten unha estrutura básica robusta, flexíbel, cunha interface de usuario sinxelísima que fai que calquera usuario se apropie do software con rapidez. O segundo motivo é que combina esta lixeireza coa capacidade de engadirlle centos de extensións, creadas por usuarios independentes, que poden solucionar as túas necesidades. Ata que descubrín WordPress, nunca me ocorrera realmente que pensara en calquera posibilidade de ampliación do sitio web e descubrira que alguén, cando menos, xa tiña subida unha versión en alpha coa que experimentar. O terceiro motivo é que é gratis e Open Source, é dicir, non existen limitacións á hora de desbrozar, reconverter e reinventar este software.

Sen embargo, tal potencia de xestión de contido non se correspondía cos usos que se lle daban ao software. WordPress víase como unha ferramenta de publicación de blogs, e punto. Non foi ata a versión actual, a 2.2, cando os responsábeis comezaron, timidamente, a decatarse de que, en realidade, WordPress era unha ferramenta moi versátil que podía administrar tamén outros tipos de webs con pequenas accións, como permitir que a páxina de inicio do blog sexa estática, e non unha columna de posts.

Para min, as aplicacións de WP son inmensas no campo das webs de pequenas e medianas entidades: moitas delas empregan a web como canle de comunicación corporativa, informativa e promocional. Desde unha perspectiva de desenvolvemento, as posibilidades son infinitas. Eu xa teño experimentado creando webs nas que aproveito o sistema editorial interno de WordPress -para publicar, crear, subir, borrar, organizar e xestionar contidos-, pero escribo un código totalmente novo para o front-end (a parte pública), adaptado ás necesidades do proxecto, ou ben adapto o código orixinal ás miñas necesidades.

Non estaría nada mal que as próximas versións de WP avanzaran máis nestas capacidades de WP como sistema de xestión de contido. Aquí publico algunhas liñas interesantes de desenvolvemento (paseillas tamén á xente de WordPress):

  • Integración de obxectos multimedia no banco de datos
  • Maior flexibilidade na construción de menús e interfaces e poder asignar interfaces diferentes a diferentes páxinas
  • Maior flexibilidade na construción de deseños con columnas
  • Busca dinámica dentro das páxinas estáticas por defecto (agora hai un plugin)

2 Comments

  1. 16 / Xuño/ 2007

    O certo è que eu non teño nen idea destas cousas, tal como o dis parece sinxelo pero…seguro que sempre se me teria escapado algo :) de todos xeitos o de En pe de pedra xa é unha noticia boa en por si, Saudos

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará